Ribeira conecta co seu pasado industrial e pesqueiro co Salmoira Festival Mural

Bernardo Paz, Luís Pérez, Antía Alberte e Raquel Germade, esta quinta feira, ante o mural dedicado a Manuel Ayaso. (Foto: Concello de Ribeira)

Raquel Germande, Fernando Yáñez e Nove Noel realizarán cadanseu mural en fachadas de edificios desta vila do Barbanza.

A auga saturada de sal, particularmente aquela en que se conservan carnes, peixes e outros alimentos, foi un elemento crucial para o desenvolvemento de Ribeira (O Barbanza) a finais do século XIX. A súa pegada na arquitectura, cos almacéns e as fábricas de salgadura, deseñou a fachada marítima desta vila. Onde hoxe vemos edificios grandes e altos, noutrora veríamos elementos arquitectónicos industriais. Este é o fío condutor que artella a nova iniciativa da Concellaría de Cultura de Ribeira: o “Salmoira Festival Mural”.

Esta quinta feira esta iniciativa que aspira a ter a súa continuidade no tempo. Á presentación acudiron o rexedor, Luís Pérez, a concelleira de Cultura, Antía Alberte, o deseñador gráfico Bernardo Paz e a pintora e muralista Raquel Germade.

Nesta I edición do “Salmoira Festival Mural” realizaranse tres murais noutras tantas fachadas de Ribeira. As artistas Raquel Germade —na zona do aparcadoiro de Avesadas—, Fernando Yáñez, de ART for DENT, asociación da enfermidade de Dent —na rúa da Galiza— e Nove Noel, de Rianxo —en Banda ao Río—, serán as encargadas de realizar as obras de arte, coas que se establecerá un diálogo co pasado da cidade e a sensibilidade muralista contemporánea.

A concelleira Antía Alberte sinalou que é un proxecto no que se leva traballado moitos meses xunto co deseñador ribeirense Bernardo Paz e co muralista Nove Noel. “O nome do proxecto fai referencia a pór en valor ese patrimonio histórico, industrial e pesqueiro da cidade e paralelamente dar a coñecer todo o potencial artístico da Galiza no tema do muralismo”, destacou. “Non só haberá murais senón tamén terán cabida obradoiros para a cativada, relatorio, documentais e demais accións segundo”, informou Alberte.

A argamasa deste proxecto é humanizar Ribeira, como cidade con patrimonio industrial, “encher Ribeira de murais servirá para pór en valor a cultura do mural e o patrimonio histórico industrial da salgadura até a actual cultura da conserva”.

“Ademais contribuirá a restaurar moitos espazos que temos na cidade que pasan desapercibidos como o que teño ás miñas costas coa figura do fillo predilecto de Ribeira, Manuel Ayaso”. Unha vez rematadas as intervencións farase unha mesa-coloquio na Casa da Xuventude para que toda a veciñanza interesada poida estabelecer unha conexión cos actores principais do proxecto e poder achegar ideas ou inquedanzas. Alberte felicitou especialmente as veciñas e os veciños de Ribeira que foron receptivos con este evento cultural.

Contar historias de Ribeira para o mundo

Para rematar o alcalde, Luís Pérez Barral, manifestou o agradecemento a todos os implicados no proxecto. “Con Salmoira queremos festexar a cultura e sobre todo cambiar a percepción da contorna, porque sabemos que a arte urbana ten a capacidade de contar historias, de conectar persoas e incluso de cambiar a nosa percepción sobre elementos urbanísticos degradados, e por tanto desde o Concello de Ribeira propuxémonos botar a andar unha iniciativa única neste concello mediante a cal poidamos contar historias da nosa vila para o mundo”, informou Pérez.

“Con este evento cultural o que pretendemos é transformar eses deseños urbanísticos que se fixeron no pasado e que teñen un impacto visual grande na nosa contorna para darlles a volta e pólos en positivo coas historias do noso concello”, concluíu.