A RG rexeitou manter o formato actual do 'Diario Cultural' e abrir outros espazos durante a semana

A directora do 'Diario Cultural', Ana Romaní, propuxo á xefa de Programas da Radio Galega, Tania Lombao, manter a emisión no seu formato actual e ao tempo facer outros espazos de cultura durante a semana. Lombao declinou a oferta. A Radio Galega confirmou esta cuarta feira a eliminación do "Diario Cultural" nas condicións en que se viña emitindo desde hai 28 anos, tal e como informou Sermos.

radio galega
photo_camera radio galega

De acordo coas fontes consultadas por Sermos, a Radio Galega tivo sobre a mesa a proposta de preservar o actual espazo do "Diario Cultural" -50 minutos a partir das 15 horas- e, ao tempo, ampliar a oferta informativa nesta materia noutros programas ao longo da semana. Mais rexeitou a proposición, formulada pola directora do programa, Ana Romaní.

"O que nos venden é que van incrementar o tempo de antena dedicado á cultura. Mais o único certo é que eliminan da grella o 'Diario Cultural' como un espazo con identidade de seu, co seu formato actual", afirma en declaracións a Sermos a súa produtora, Concha de la Fuente. "Manteñen a marca, mais a relegan a espazos inseridos noutros programas, co compromiso de alcanzar un número determinado de minutos. Xa veremos se o cumpren".

"Se realmente tivesen vontade de potenciar a cultura terían aceptado a proposta que se lles formulou desde a dirección do programa", indican as fontes consultadas por Sermos. Este diario dixital puido saber que o 'Diario Cultural' estaba no albo dos responsábeis da RG desde hai xa semanas.

Esta cuarta feira, a CRTVG confirmou, por meio dun comunicado pendurado na súa web, que elimina o formato actual do programa, tal e como informou Sermos esta terza feira. A Radio Galega indica que a mudanza levará o "Diario Cultural" (desaparece o espazo, mais mantense a marca) a ser un "elemento estrutural da nova grella". O programa vaise transformar en catro espazos inseridos en distintas faixas horarias. "Isto supón que se duplica o tempo de cultura diario na RG, que pasa de 50 minutos a 100", afirma a compañía. "Igual sucederá tamén na fin de semana, que contará como novidade con outras tres edicións en directo do 'Diario Cultural' que agora mesmo non existen", engade.

A distribución horaria dos espazos que toman o relevo do actual formato do 'Diario Cultural' vai ser a seguinte: 15 minutos no 'Galicia por Diante Informativo' (programa que se emite de 6 a 9.30 horas), 30 minutos no magazine 'Galicia por diante' (de 9.30 a 14.00 horas), 15 minutos no boletín informativo das 14 horas, 30 minutos no magazine 'A Tarde' (de 16 a 20 horas) e 15 minutos no 'Crónica', o informativo nocturno.

Na fin de semana, habería 30 minutos no 'Galicia por Diante', sábado e domingo, e unha edición especial de 45 minutos, no domingo, de 14.15 a 15 horas.

"O equipo adicado á cultura na Radio Galega estará integrado polo mesmo persoal e será reforzado con novas incorporacións de dentro da Radio Galega. Outra das novidades será a creación dunha web específica de “Diario Cultural” para facer accesibles todos os contidos dixitalmente", afirma tamén a compañía.

Estas mudanzas contan coa oposición da equipa que produce actualmente o programa.

Comentarios