Revenidas completa o seu cartel con bandas como The Rapants ou Talco
O Revenidas 2025, que decorrerá do 11 ao 14 de setembro, fecha o seu cartel con novas incorporacións. Entre elas aparecen figuras internacionais como os italianos Talco, un dos nomes imprescindíbeis e máis influentes do ska-punk europeo, que de novo repiten visita ao festival.
Tamén pasarán polos escenarios do Revenidas algúns dos máis emblemáticos nomes da escena estatal do punk rock, como Lendakaris Muertos, que ofrecerán alí o derradeiro concerto na Galiza antes do seu paro indefinido. Hai que sumar, ademais, presenzas destacadas como a da confluencia entre o trío valenciano de rap Sons of Aguirre e banda alacantina de metal Scila. Desde Valencia, chegan a Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) La Fúmiga, que combinan a potencia dos metais con ritmos ska e de pop alternativo.
Ao cartel do Revenidas súmase o dúo de synth-punk La Élite; os barceloneses Buhos, que presentarán o seu disco Sempre dempeus, editado este ano, o dúo tamén barcelonés de electropop Svetlana, o trío navarro-biscaíno de pop electrónico J Martina e unha das grandes revelacións deste 2025, o trío estremeño Sanguijuelas del Guadiana. O cartel definitivo do Revenidas acolle algunhas das propostas galegas máis sobresalientes como The Rapants, gañadores do premio MIN ao mellor disco galego do 2024, ou Mondra e Galician Army, que chegarán con novos discos.
Entre as bandas galegas que se estrean no festival atópanse Terrae, capaces de fusionar a world music coa electrónica, a Orquestra Bravú Xangai, liderada por Xurxo Souto, a banda de punk rock do Val Miñor Seitura, e unha das figuras emerxentes máis aclamadas pola mocidade, como é Filloas.