As Residencias Artísticas Mariñán 2025 chegan ao seu fin
As Residencias Artísticas Mariñán 2025 chegaron onte ao seu fin, despois de 12 días nos que os 8 participantes nas modalidades de música (Indra, Abril, Ailén e Nanu), literatura (Sergio Marey e Blanca Trigo) e pensamento (Paula Sanmartín e María Bella) compartiron espazo para desenvolver os seus proxectos creativos da man dos comisarios Aitana Cuétara (música) e Roberto Abuín (literatura e pensamento).
O Pazo de Mariñán acolleu un acto oficial de despedida, no que a deputada, Natividade González, expresou a súa gratitude a todos os participantes, "por aproveitar como o facedes os recursos públicos que ofrecemos dende a Deputación", declarou. "Para min é unha honra ver como estas Residencias Mariñán se están convertendo en berce do talento galego, de onde saen proxectos que despois acadan tantos éxitos", sinalou.
O comisario, Roberto Abuín, sinalaba o "gran traballo" da Deputación "para potenciar o espazo creador e de pensamento". Apuntaba que a arte "é unha espazo de liberación e expansión, e que esta institución o acompañe desta forma tan consciente é fundamental". Palabras ás que se sumaba a comisaria de música, Aitana Cuétara, que fixo referencia á aposta "polo espazo creativo" onde conviven "proxectos moi diferentes, o que é moi enriquecedor".
Aposta polo proceso creativo
Pola súa banda, os participantes valoraron positivamente a iniciativa. "Estes espazos son moi necesarios, para poder parar e adicarte á creación", sinalaban, "supoñen un contrapunto".
Tamén agradeceron a posibilidade de "dispoñer dun pazo como este" e "a confianza e a liberdade do proceso". "Non hai un teño, hai un quero, e creamos desde outro lugar", salientaron, ao tempo que puxeron en valor "o non facer nada, o feito de non esixir un obxectivo produtivo porque aí é onde xorden as ideas e a beleza" e ofrecer, pola contra "recursos para a creación, a creatividade e a comunidade".
Neste sentido, ademais, recalcaron a "oportunidade" que supón compartir experiencia con outros creadores, "moi enriquecedora no profesional e no persoal, pois desas convivencias saen novas ideas, propostas e incluso colaboracións". E, repetían, "deberían existir máis iniciativas así".