Educación

A renovación pedagóxica reflexiona sobre o seu futuro

A Revista Galega de Educación atinxe o número 75
O pedagogo Antón Costas, a presidenta do Consello da Cultura Rosario Álvarez e Xosé Lastra, presidente de Nova Escola Galega
photo_camera O pedagogo Antón Costas, a presidenta do Consello da Cultura Rosario Álvarez e Xosé Lastra, presidente de Nova Escola Galega

A Revista Galega de Educación é, desde 1986, a cabeceira agora cuadrimestral que serve de espazo de reflexión e debate para a "reforma democrática da educación, ao servizo dunha sociedade solidaria, libre e cultural e lingüísticamente normalizada". Promovida por Nova Escola Galega, vén de presentar o seu número 75, punto de inflexión e avaliación do movemento de "renovación pedagóxica e galeguización lingüística".

Unha trintena de profesionais achegan os seus traballos á revista, que inclúe ensaios sobre a situación do ensino na Galiza, noutros lugares do Estado Español, en Portugal e en Francia. A infancia e a adolescencia, a neuropedagoxía, os novos medios dixitais, o sentir das organizacións sindicais do profesorado ou o movemento asociativo de nais e pais son outros asuntos tratados no número.

"É unha revista de análise da escola, apoiada na escola construída até hoxe e qe senta as bases de futuro”, explicou o seu actual director, Suso Domínguez, na presentación da publicación no Consello da Cultura Galega. O presidente de Nova Escola Galega, Xosé Lastra, referiuse ao "milagre" de chegar ao número 75 e avanzou que o seguinte "afondará sobre a memoria histórica nas aulas".

Comentarios