Remata en Lugo o obradoiro de formación 'Tecer para integrar'

A Vicepresidenta da Deputación de Lugo entregou os diplomas do obradoiro 'Tecer para integrar' impulsado por esa institución coa colaboración de Federación de Asociacións do Ámbito Social Fadas Lugo. 
As alumnas que participaron no Tecer para crer posan con Efrén Castro, Maite Ferreiro, Francisca López, coordinadora de actividades do Centrad,  Ana María Bereciartúa, coordinadora de actividades de FADAS, e Tina Cortón, monitora da formación. (Foto: Deputación de Lugo).
photo_camera As alumnas que participaron no Tecer para crer posan con Efrén Castro, Maite Ferreiro, Francisca López, coordinadora de actividades do Centrad, Ana María Bereciartúa, coordinadora de actividades de FADAS, e Tina Cortón, monitora da formación. (Foto: Deputación de Lugo).

Tras oito meses de formación, estaterza feira rematou o obradoiro Tecer para integrar, impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo coa colaboración de Federación de Asociacións do Ámbito Social Fadas Lugo. 

Coa entrega de diplomas que acreditan a participación das quince alumnas que o seguiron, finalizaba esta actividade que procuraba, segundo a vicepresidenta Maite Ferreiro, “pór os recursos e os coñecementos cos que conta o Centro de Artesanía e Deseño para xerar oportunidades laborais tanto na artesanía como no sector téxtil”.

O deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, tamén salientou que o proxecto foi deseñado con “saberes e coñecementos tradicionais, herdados sobre todo das mulleres, mais buscando actualizalos e demostrando que a artesanía é un actividade moi produtiva e de futuro”.

Formación actual en moda sostíbel 

Este obradoiro comezou o pasado 15 de setembro, con maquinaria, ferramentas, materiais e mobiliario cedido polo Centro de Artesanía e Deseño para a montaxe do taller de corte e confección no que as quince alumnas, seleccionadas por Fadas entre as súas usuarias, recibiron a maior parte das 638 horas de formación.

Nas distintas sesións, as participantes iniciáronse en técnicas de patronaxe e confección de prendas de vestir, ademais de tomar contacto, a través de conferencias, visitas e demostracións, co novo modelo da industria téxtil, as boas prácticas de moda sostíbel e obradoiros artesanais galegos dedicados ao tecido e á confección. 

O aproveitamento desta formación integral ofreceulles ás alumnas a posibilidade de obter a Carta de Artesás, o documento oficial que acredita a condición de artesá.

Comentarios