A reivención do “comunismo”

Slavoj Žižek polemiza con outros autores co gallo da covid

zizek
photo_camera zizek

“Alain Badiou, Byung-Chul Han e moitos outros, da dereita á esquerda, criticáronme e mesmo se burlaron de min por suxerir repetidas veces a chegada dalgunha forma de comunismo como consecuencia da pandemia de coronavirus”. E “non se trata só de que o Estado asuma un papel moito máis activo, organizando a produción de cousas das que hai necesidade urxente”, senón de que se estableza por exemplo “algún tipo de cooperación internacional efectiva para producir e partillar recursos” á marxe dos mercados. Así fala Slavoj Žižek en ‘Pandemia. A covid-19 sacode o mundo’, tradución ao galego, editada por Galaxia, dun dos máis comentados textos sobre as consecuencias da pandemia do coronavirus.

En tempo de epidemias, sinala o filósofo e sociólogo esloveno, “precisamos dun Estado forte”, o cal non significa que haxa que caer no autoritarismo xa que, como el mesmo sinala, aínda que o Estado chinés por exemplo logrou confinar ducias de millóns de persoas, errou coa súa actitude de non confiar no pobo e mesmo castigalo pola disidencia ante o medo da lideranza do partido a unha posible “rede de autoorganización que poida xurdir das ligazóns horizontais entre grupos de estudantes e de traballadores baseadas no marxismo, e con simpatías entre vellos cadros do partido ou mesmo no exército”.

A posición de Žižek afástase da defendida por exemplo polo tamén filósofo Giorgio Agamben, que nun artigo que difundiu o pasado febreiro criticou as “medidas de emerxencia frenéticas, irracionais e completamente inxustificadas” tomadas ante a pandemia, argumentando que se debían realmente á “tendencia crecente a utilizar o estado de excepción como paradigma normal de goberno” e ao “estado de medo que evidentemente se estendeu nos últimos anos nas conciencias dos individuos e que se traduce nunha necesidade real de estados de pánico colectivo, aos que a epidemia volve ofrecer o pretexto ideal”.

Alarma “ben fundada”

Žižek responde, ante isto, que para que ía o estado promover o pánico se este vai acompañado de desconfianza cara ao poder e se ademais provoca unha crise económica global. O autor de ‘Pandemia’ considera que a alarma é “xenuína e ben fundada”, aínda que admite que o foco “case exclusivo” dos medios de comunicación na enfermidade é unha escolla ideolóxica e que os “representantes da orde capitalista global” están aproveitando para “impor unha nova forma de gobernanza” propia dun “capitalismo bárbaro” no que se sacrifiquen persoas idosas e febles, os traballadores acepten condicións laborais aínda peores, o control dixital das nosas vidas se convirta en elemento permanente e as distincións de clase sexan “máis un asunto de vida ou morte”.

Noutro artigo recollido no volume ‘Sopa de Wuhan’ (Aspo), o filósofo Jean-Luc Nancy retrúcalle a Agamben que, dalgunha maneira, xa viviamos nun constante estado de excepción viral -biolóxica, informática, cultural- que nos pandemiza e do que os gobernos son “tristes executores”. Máis perto da opinión de Agamben atópase o tamén disponible en ‘Sopa de Wuhan’ de Santiago López Petit, quen apunta que “o capitalismo desbocado”, coa súa agroindustria, “produce o virus que el mesmo reutiliza máis tarde para controlarnos”. Así, “os efectos colaterais (despolitización, reestruturacións, despidos, mortes, etc) son esencias para impoñer un estado de excepción normalizado” no contexto dun capitalismo “asasino”.

A filósofa Judith Butler leva pola súa banda a súa reflexión en ‘Sopa de Wuhan’ máis ao terreo da denuncia do aumento da desigualdade pois “o nacionalismo, a supremacía branca, a violencia contra as mulleres, as persoas queer e trans e a explotación capitalista encontran formas de de reproducir e fortalecer os seus poderes dentro das zonas pandémicas”. Tamén Alain Badiou, que lembra que non se trata da primeira pandemia recente, senón da primeira que bate seriamente no chamado mundo occidental, chama tamén a a protexer as persoas máis expostas e febles, coma as de idade avanzada ou as que teñen que seguir indo ao traballo correndo riscos.

En consonancia con Badiou, Žižek sinala que a lóxica da “supervivencia dos máis aptos” viola mesmo os principios da ética militar. E, fronte á crítica de Agamben da aceptación social de todo -perda da liberdade ou da sociabilidade…- diante do medo a adoecer, sinala que o medo á morte tamén crea lóxicas de solidariedade.

Comentarios