Raquel Campos gaña, por segunda vez, o Premio Manuel Reimóndez Portela de xornalismo

Docampo, Cofán, Carrazoni, Reimóndez, Fernández e Cela, esta terza feira.
O xurado reuniuse esta terza feira para deliberar e outorgar a Campos o galardón do Concello da Estrada.

O XXX Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela do Concello da Estrada recaeu na xornalista Raquel Campos Pico por segunda vez. O xurado escolleu esta terza feira a peza Non estamos ben en internet como a gañadora entre as 21 candidatas que concorreron ao certame que leva o nome do coñecido médico e humanista.

O xurado, do que fixo parte o subdirector de Nós Diario, Yuri Carrazoni, xunto a Lois Docampo, David Cofán, Ana Cela, Juan Andrés Fernández e María Victoria Reimóndez (como secretaria sen voto), reuniuse esta terza feira para deliberar.

A reportaxe gañadora aborda o impacto que ten a hiperconexión do mundo actual na saúde mental e no benestar emocional, ademais de reflectila coma un novo elemento de presión no entorno laboral.

A decisión do xurado recolle que o artigo afronta temas de total actualidade ofrecendo enfoques diferentes, facendo uso de fontes "coas que resulta fácil a identificación, á par doutras máis profesionais que poden afondar na cuestión que se analiza sen ser superficial".

A peza indica que "na era da información o principal perigo é a desinformación, reivindicando un xornalismo lento e reflexivo".