Ramón Caamaño, patrimonio á intemperie

Fotografía de Ramón Caamaño. (Foto: Ramón Caamaño)
Durante boa parte do século XX, Ramón Caamaño foi fixando en negativos a vida cotiá da Costa da Morte até converterse en figura clave da memoria visual do país. Porén, o seu arquivo permanece pechado baixo custodia familiar na casa museo de Muxía, sen protección pública que garanta a súa supervivencia. 

Cando Denis Pose, neto do fotógrafo, preme o interruptor, a luz fluorescente tarda un segundo en responder. As sombras retíranse pouco a pouco e revelan as paredes e os estantes ateigados de centos de fotografías en branco e negro. O espazo, estreito e alongado, ten algo de claustrofóbico. Nunha das instantáneas, unha muller de rostro engurrado mira fixamente á cámara. Un pouco máis alá, uns cativos xogan sobre a Pedra de Abalar. Escenas do cotián. Fragmentos dun país enteiro comprimidos en negativo. Nunha vitrina do fondo repousa unha morea de cámaras antigas. Estamos no museo de Ramón Caamaño.

"Nunca tivemos axuda institucional", di Pose. O espazo medrou co esforzo do seu pai, Chete, antigo dono dun videoclub que reciclou os estantes das cintas como expositores. Durante anos, todo o arquivo estivo gardado nunha caixa baixo a escaleira. Nas fins de semana, pai e avó abríana, escollían negativos, facían probas de copia, montaban os expositores. As copias pegábanse sobre cartón pluma e cubríanse con metacrilato. Así, foto a foto, foi tomando forma o museo. Nun retrato, unha familia pousa coa solemnidade dos días importantes. Noutro, mariñeiros miran cara a un punto fóra de plano, co mar reducido a unha franxa gris. Hai romarías, barcos ao sol, rúas de terra. Un mesmo xeito de ollar. A memoria dun país sostida con cartón pluma e metacrilato.

Un veciño máis

Ao contrario que moitos fotógrafos que miraron Galiza desde fóra, Caamaño era o veciño que cruzaba as portas para facer un retrato, o fotógrafo ao que se lle pedía unha imaxe para enviar a América. Durante décadas, en Muxía, quen quería fixar un momento en papel pasaba polo seu obxectivo. Unha voda. Unha comuñón. O retrato dun fillo antes de embarcar. A fotografía como rito de paso e como memoria na distancia.

Autorretrato de Ramón Caamaño. (Foto: Ramón Caamaño)

Fóra do estudio, a súa cámara acompañou a transformación dun mundo enteiro. Contou Galiza desde dentro, en plano curto. A vela converténdose en motor, a paisaxe enchéndose de coches e de fume. Mozos posando por primeira vez con traxe antes de marcharen á emigración, rumbo a Bos Aires, Montevideo ou Suíza.

Sen pretendelo, aquel oficio acabou por converterse nun dos arquivos visuais máis completos da Costa da Morte. Hoxe, arredor de sesenta mil imaxes permanecen na casa familiar. Parte está catalogada a man grazas ao traballo paciente do xenro de Caamaño. O resto segue en caixas, con sobres gastados e nomes escritos a bolígrafo. Houbo artigos, exposicións, libros, algún xesto institucional. Pero a conservación real continúa recaendo na familia.

"Que eu lembre, nunca houbo axuda económica, material nin de persoal", di Pose. "Houbo reunións, pero tras elas sempre chega o mesmo: silencio." O arquivo existe, mais sen amarre público ningún. E co paso dos anos, o risco de perda medra. Co avance da enfermidade e, máis tarde, coa morte do fotógrafo, o museo foi deixando de abrir con regularidade. "Até entón, as fins de semana sempre viñan meu pai e meu avó", lembra. Hoxe, para visitalo, cómpre concertar cita. O arquivo segue aí, pero fóra do circuíto público, sen horarios nin estrutura.

O soño dun museo

A Costa da Morte é hoxe tamén un relato de imaxes. Cantís, faros, temporais, pobos mariñeiros, fin do mundo. Parte dese imaxinario constrúese mirando atrás a través da fotografía. Vese con claridade nos interiores do Parador da Costa da Morte, onde, entre grandes cristaleiras e mobles de deseño, colgan reproducións de gran formato de imaxes históricas, incluídas algunhas de Caamaño. O contraste co baixo ateigado onde se conserva o arquivo orixinal resulta abrumador. "O primordial sería garantir condicións axeitadas e dixitalizar todo o material", di Pose. Hoxe, todo depende dun único deshumidificador. "Pero non hai fondos". Falouse hai tempo de trasladar o arquivo a unha institución pública. Mais iso, lembra Denis, suporía afastalo de Muxía. A vontade de Caamaño foi sempre outra. Levar as fotos fóra da vila garantiría a súa conservación, pero tamén lles subtraería unha parte esencial do seu sentido.

En Laxe, o Arquivo Vidal demostra que existen vías alternativas. Máis de 70.000 negativos, declarados Ben de Interese Cultural en 2019 pola Xunta, atoparon finalmente acubillo no Museo do Mar da vila. En Muxía, pola contra, o legado de Caamaño permanece atrapado nun punto morto. A inercia pesa. As prioridades políticas sinalan noutro sentido. E foise asentando unha certa comodidade colectiva á hora de aceptar que a memoria continúe confinada no ámbito doméstico. A metáfora do arquivo á deriva é tentadora, pero non sería exacta. Aquí tamén hai resistencia. Familiares que se negan a desistir. Investigadores que chegan de lonxe para ollar, unha a unha, as fotos gardadas en caixas. "Todo o mundo recoñece a importancia do vello Ramón", di Pose, "pero todo queda nas conversas. Cando o asunto pasa dunha mesa a outra, o interese esmorece".

No Parador, algúns hóspedes detéñense diante dun retrato de gran formato. Unha cartela discreta indica "Ramón Caamaño Bentin". Na imaxe, unha parella mira fixamente á cámara, seria. No chaleco do home asoma a cadea do reloxo. O que os visitantes non saben é que, a poucos minutos de alí, no baixo dunha casa de pedra da rúa Matadoiro, dorme o negativo desa mesma fotografía, acompañado polo rumor constante dun deshumidificador. “Asómbrame que para proxectos como este non se atopen fondos”, lamenta Pose, “e, en cambio, para traer grandes orquestras nunca haxa problemas”. E non lle falta razón

Unha mirada fotográfica sostida no tempo

Nado en 1908 na Galiza rural, Ramón Caamaño aprendeu o oficio case só. Preguntaba ao veciño Vidal, observaba, intuía. Durante un tempo traballou ao carón de Ksado, pero a maior parte do que soubo saíu da soidade da trastenda.

Alí mesturaba químicos e aprendía da luz mentres a vila durmía. Comezou cunha cámara de caixa e alternou durante anos o retrato coa proxección de películas. Aparece mesmo nalgúns negativos de Ruth Matilda Anderson, como unha figura secundaria no fondo da historia doutros.

Polo seu estudio pasaron familias nas súas mellores galas, nenos cos xoguetes apertados nas mans. Fóra, a súa cámara mirou o mundo que cambiaba: palilleiras, obreiros nas igrexas, nenos descalzos polas corredoiras, barcos nas festas do Carme. Tamén a morte. Na suma dese conxunto constrúese a súa forza, unha mirada sostida no tempo, un retrato dun país enteiro.

Fotografías con vida propia

Hoxe é Denis quen garda as copias das publicacións nas que aparece a súa obra. Hai libros, documentais, programas de televisión. Tamén recoñecementos, como o de Kodak en 1931. As fotografías seguen a circular, a ser reproducidas e reinterpretadas. Teñen vida propia. O arquivo, pola contra, sobrevive a duras penas mentres pasa o tempo e a humidade continúa facendo o seu traballo.