As imaxes contundentes de Elena Estévez, voz firme da loita agraria
Foi José A. Durán, pioneiro nos estudos sobre o agrarismo en Galiza en 1972, quen nos revelou o nome de Elena Estévez. Nunha simple nota a pé de páxina, indica que se advirte desde a prensa a presenza de mulleres con voz e voto nas asociacións agrarias e nos mitins de Solidaridad Gallega e que algunhas acadaron notoriedade "polo seu cálido verbo combativo" como Carmen Álvarez e Elena Estévez. Ninguén máis tirou do fío.
Elena Cesárea Estévez Mignot naceu o 25 de febreiro de 1891 na Habana, era a maior de oito fillos, de Julián Estévez, natural de Ames, e de Dolores Ifigenia Mignot, de Matanzas (Cuba). Xa nas primeiras décadas do século XX, a familia vive en Teis (Lavadores) nunha casa, onde poñen tenda de comestíbeis e produtos agrícolas. O pai é un comprometido agrarista, promotor do Directorio Antiforista de Teis, alcalde do Concello de Lavadores (hoxe concello de Vigo) entre 1914 e 1915, representante deste concello na Deputación Provincial.
Elena Estévez vai crecer nun ambiente de ideas abertas e progresistas. En 1906 atópase realizando estudos de “Enseñanza de la mujer” na Escuela de Artes e Industrias de Vigo, un curso de corte e confección, o 3º curso de “Ampliación de 1ª Enseñanza” e francés. En 1913 estuda na Escuela de Artes y Oficios de Vigo, debuxo e pintura, para a que ten dotes excepcionais. Representa o modelo da muller do seu tempo, traballadora e preocupada pola súa formación.
A primeira fotografía que temos de Elena é unha postal para lle enviar ao que é o seu mozo a Bos Aires onde hai pouco que emigrou, pode datarse entre finais de 1909 e 1910. Precisamente a partir desta etapa até 1913, existe constancia na prensa da súa incansábel actividade política, vinculada desde o inicio co Directorio Antiforista de Teis (1908).
Elena e as súas compañeiras representaban a renovación do discurso que chegaba ás mulleres.
O masacre de Oseira, o 22 de abril de 1909, marca a política da conmemoración do 1º de Maio e na Sociedade de Agricultores de Teis, onde se sitúa a súa primeira intervención como oradora; no mesmo mitin participan Carmen Álvarez, Ricardo Fernández (representante da Sociedade de Coia) e Chinto Crespo.
En agosto participa nun acto en Lalín, organizado pola Sociedade de Agricultores de Gresande e en novembro acode ao local da Sociedade de Agricultores de Vilaboa, con representantes do Directorio de Teis e das sociedades de Lérez, Alba, Baiona e o Viso; envían a súa adhesión até un número de 200 asociacións máis.
Sobre Elena Estévez sinálase no seu discurso un aspecto que vai marcar todas as súas intervencións: a alegría de ver no local moitas mulleres, aconsellalas de que animen os seus homes a rematar cos foros e a afirmación de que o agricultor só se liberará do seu actual estado que o degrada coa ilustración e coa cultura.
En marzo de 1910 celébrase un mitin antiforal en Teis coa representación de numerosas sociedades de Ourense e Pontevedra. Interveñen Carmen Álvarez, Prudencio Landín, Chinto Crespo que sempre fala en galego e Elena Estévez que fustiga o caciquismo. A sona destas dúas oradoras que "electrizan ás multitudes" chega ás crónicas da Habana en Galicia: revista semanal ilustrada (7-5-1910) que celebra o imparable impacto do movemento agrarista.
A loita contra os foros
Os actos antiforais sucédense, con grande asistencia de público, en maio de 1910 nun mitin en Moaña representando ao Directorio Redencionista de Teis figuran como oradores Julián Estévez, Chinto Crespo e volven estar as dúas oradoras, “as xoves e fermosas propagandistas”. En xuño participan de novo na inauguración en Sabarís da “Sociedad de agricultores del Valle”. No mesmo mes en Cedeira (Redondela), na Encrucillada da Raíña, coa presenza das sociedades de Teis, Candeán, Chapela, Cesantes e o Viso.
Elena Estévez percorre a provincia de Pontevedra, recoñecida, a súa palabra convence e sempre levanta espectación, vai acompañada do seu pai ou dun seu irmán, de quen a coide. Téñena en conta os líderes políticos, en agosto de 1912 recíbea Pasín Romero na estación de tren en Compostela cando vai dar un mitin en Silleda, onde se vai hospedar na fonda “La Mahiana”.
Recoñecemento da súa valía política
O recoñecemento da súa valía política conxúgase co paternalismo que debe ter conta dunha moza de 21 anos. Elena e as súas compañeiras, representaban a mocidade e a renovación do discurso que chegaba ás mulleres que acudían aos mitins. En decembro de 1912 participa no mitin no Circo-Teatro de Pontevedra con Basilio Álvarez. O último mitin do que hai constancia ten lugar no Rosal en abril de 1913.
A segunda fotografía é a de voda con Ricardo Estévez, o 1 febreiro de 1917, o mozo que emigrara á Arxentina e a Cuba. Casan e, coa achega económica dela ao matrimonio, poñen unha panadaría en Poio, despois terán outra en Teis. Na terceira fotografía ademais da parella está o seu primeiro fillo, Ricardo (1918). Despois nacerán: Edmundo (1920), Julián (1922) e Elena (1924). Unha familia con catro fillos e o traballo fóra da casa co pan, detiveron o activismo político organizado de Elena Estévez. Representante nun tempo, como os cadros que pintaba: a segadora e a muller burguesa no diván.
Precursora do movemento feminista
En 1933 Elena Estévez falece de parto da criatura que esperaba. Levou moita xente no enterro, presidido pola familia, o alcalde de Lavadores, o deputado López Varela e o Sindicato de Agricultores de Teis.
Foi representante dun tempo, como os cadros que pintaba.
Na sección “Los que mueren” de Vida Gallega: ilustracción regional, (10-3-1933) lese da morte de dona Elena Estévez, esposa do industrial don Ricardo Fernández e filla do que foi alcalde de Lavadores don Julián Estévez.
Velaí, esposa e filla. Mais na celebración do XXXV aniversario da fundación da Sociedade de Agricultores de Teis, na súa intervención, Indalecio Tizón dedícalle unhas palabras, como precursora do movemento feminista na nosa terra, El Pueblo Gallego (6-9-1933).
Mantense o relato de que en tempos da República celebraba o 1º de maio envolta na bandeira e nunha ocasión fixo abrir unha conserveira para que saísen as obreiras, obrigadas a traballar ese día. Tamén seica a foron buscar á casa no 36 para fusilala, mais xa estaba morta.
A Asociación Veciñal de Teis fai ben en reivindicar unha rúa co seu nome en Vigo, eu súmome á proposta.