Rafa Vilar gaña o premio Realia de Tradución Literaria

Coa obra intitulada A tolemia (orixinal, La bogeria), de Narcís Oller,
O escritor Rafa Vilar, na súa biblioteca persoal (Foto: Nós Diario).
O escritor Rafa Vilar, na súa biblioteca persoal (Foto: Nós Diario).

Rafa Vilar vén de gañar o V Premio Realia de Tradución Literaria por A Tolemia. O galardón, de periodicidade bienal, organizado pola Editorial Hugin e Munin en colaboración co Concello de Santiago de Compostela, trata de recoñecer traducións inéditas á lingua galega de obras narrativas, circunscritas ao xénero da novela e da novela curta.

O xurado conformado por Monsterrat Paz Núñez, Silvia Pérez Tato, e Isabel Soto López, así como Alejandro Tobar Salazar (como secretario), decidiu por unanimidade.

Nesta quinta edición, as novelas e novelas curtas presentadas a concurso chegaron a un total de dez, traídas dende seis linguas distintas. Tras a lectura rigorosa de cada peza, os membros do xurado acordaron reflectir na presente acta as seguintes consideracións:

A tolemia, publicada orixinalmente en 1899, é unha escolla pertinente que porá fin a unha ausencia notábel no corpus galego de literatura traducida. O traballo presentado salienta "pola naturalidade coa que flúe o texto sen afastarse do ton do orixinal, mesmo cando reproduce certas pasaxes de corte coloquial ou humorístico. Alén de que a obra deberá ser adaptada aos criterios lingüísticos da editorial, o aparato de notas talvez ampliado e algunha outra cuestión de estilo revisada, a escolla e o traballo tradutolóxico desenvolvido é estimable e digno merecedor do premio".

O autor da narración, Narcís Oller (Valls, 1846-Barcelona, 1930) é recoñecido como o creador da novela catalá moderna. A súa personalidade e obra están estreitamente ligadas co marco político e cultural derivado da Revolución de setembro de 1868. A tolemia afonda, dende a técnica naturalista, nas teorías científicas en discusión na súa época (determinismo biolóxico e social) arredor da enfermidade mental.

Comentarios