O certame simplifícase e céntrase no estudantado xuvenil

'Quero cantar' suma artistas para formar na música as persoas participantes

Volve o certame 'Quero cantar' da Deputación da Coruña, que no puido decorrer en 2020 por mor da pandemia, e faino para o estudantado xuvenil e incorporando unha programa de formación con recoñecidas artistas do país.
querocantar
photo_camera Couto, no CEIP Caión, gañador en 2019, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)

O certame musical “Quero cantar,” da área da Cultura da Deputación da Coruña, chega coa súa quinta edición logo de que a pandemia derivada da Covid-19 impedise a súa realización en 2020.

Desta volta, o concurso ademais de adaptarse ás necesidades actuais simplificándose nunha soa fase e dirixido unicamente ao estudantado xuvenil, inclúe como novidade un programa formativo dirixido por figuras da música como Sés, Ugia Pedreira, Paco Cerdeira, Belem Tajes ou Xosé Lois Romero.

“Consideramos que esta nova fórmula é máis acaída para a situación que estamos a vivir e garante a seguridade das rapazas e rapaces participantes”, explicou na presentación do certame o deputado de Cultura Xurxo Couto, quen engadiu tamén que “quixemos darlle unha volta e que se achegase ao mundo da música profesional, a figuras do panorama actual galego coas que poderán traballar e aprender todas as prácticas do oficio".

Na mesma liña, o coordinador do premio, Tono Formoso, apuntou que a presente será “unha edición moi especial que permitirá a nenos e nenas dos grupos gañadores ter unha experiencia única achegándose a artistas que coñecen e admiran e de quen poderán aprender e partillar unhas xornadas”.

Así, desta volta serán dúas as propostas seleccionadas e os premios consistirán na gravación dun videoclip e na participación no programa formativo titorizado polos citados artistas. Unha guía en liña na que alumnado e persoal profesional da música crearán unha nova canción que, na fase final do proceso, será gravada por todos eles nun estudio de gravación.

Ademais, este programa formativo abrangue tamén a grupos das edicións anteriores e, deste modo, Os nenos da vella formaranse con Belem Tajes, Quenindiole con Xosé Lois Romero, Máis boas cás patacas con Sés, Noa e Ugia Pedreira e Pequenos besbellos farán o propio con Paco Cerdeira.

Certames musicais 

Ademais, este ano convócase o XIV Premio Andrés Gaos de Composición Musical, dotado con 6.500 euros.

Así mesmo, vai decorrer a XIII edición do Premio Fran Pérez 'Narf' para grupos e artistas “de calquera concello galego” e non só do ámbito administrativo da Deputación da Coruña.

Os premios consistirán en 3.000 euros para o grupo que resulte gañador, 2.000 para o segundo clasificado, 1.500 para a banda que quede en terceiro lugar e 1.000 euros para os grupos cuarto e quinto.

comentarios