O público de Cineuropa outorga o seu premio ao circo

Un fotograma de 'El circo de los muchachos', de Elías Siminiani. (Foto: Nós Diario)
'La ciudad de los muchachos', de Elías Siminiani, foi a obra máis votada polo público no festival compostelán.

El circo de los muchachos, de Elías Siminiani, gaña o premio do público da 38ª edición do festival Cineuropa ao obter a puntuación máis alta de todas as proxeccións sometidas a voto.

A serie conta a historia da Cidade dos Muchachos, fundada por Jesús Silva, "o Cura”, que xunto a 15 rapaces creou unha cidade e un proxecto educativo para a mocidade sen recursos na España franquista de 1956. Está creada a partir dunha combinación de materiais e entrevistas inéditas e dun arquivo único que percorre máis de 50 anos de historia e que conta mesmo con imaxes gravadas desde o propio estudio de televisión creado en  Benposta.

O director, Elías Siminiani, e o produtor Borja Pena acudiron xunto con outros membros do equipo e algúns dos protagonistas da historia a presentar a serie ao festival de Santiago de Compostela.

O director

Siminiani, é investigador sobre diversos formatos e xéneros. Gañou un premio Goya á mellor curta de ficción no 2023 co filme Arquitectura emocional 1959 e o premio á mellor curta en Europa Cinema 2007 por Ludoterapia, entre outros galardóns. Siminiani dirixiu Apuntes para una película de atracos (2018) e tamén docuseries que tiveron moita repercusión como El caso Asunta: Operación Nenúfar (2017) e El caso Alcàsser (2019).

Coa resolución da obra mellor valorada polo público, a 38ª edición de Cineuropa bota o pano a 18 días de programación e máis de 130 obras audiovisuais, alén de concertos, coloquios e numerosas actividades paralelas, que congregaron no Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio da Galiza, NUMAX e a Zona C perto de 16.000 persoas, cunha media de 110 asistentes por filme.