Alberto Gracia desafía o tempo e a memoria no seu último filme: 'La Parra'
Ás veces o marxinal é o único que dá a medida do estado das cousas. Iso vale tanto para unha pensión onde coinciden os máis extravagantes outsiders dunha cidade como para un cinema realizado desde os límites. Lugares onde a mirada apenas se detén, pero que conteñen un rexistro do noso devir.
Esta terza feira, Alberto Gracia recibiu no Teatro Principal de Compostela o Premio Cineuropa, nunha cerimonia que precedeu á estrea na Galiza de La Parra, o seu último filme, no que coinciden a pensión e o cineasta: a mirada ás marxes desde as marxes.
Nas horas previas a recoller o premio, Gracia confesa, en conversa con Nós Diario estar un pouco nervioso. "Pero nervioso para ben. Son galego mais vivín mais tempo fóra da Galiza que aquí. E atoparme con este recibimento á miña volta, imaxínate.Estou moi contento", afirma. "É case un recoñecemento psicoanalítico", bromea.
La Parra fala de identidades que se confunden, da memoria dos lugares e da perda. Ou da decadencia. A trama céntrase en Damián, un tipo que malvive en Madrid e regresa ao seu Ferrol natal para levar as cinzas do seu pai recentemente falecido. Damián alóxase na pensión que dá título á película, onde vivía Cosme, un guía que, ao comezo do filme, acompaña un grupo de invidentes e que, sen ningunha explicación, guindase por un barranco. A partir de aí, todos van confundindo a Damián con Cosme e, dalgunha maneira, obrigándoo a transformarse nel.
A memoria, o tempo
"Creo que máis que da memoria, esta película fala do tempo", aventura o director de A estrela errante. "A materia prima do cinema é o tempo e pertencemos a unha xeración á que lle roubaron ese tempo. Creo que, en xeral, na nosa sociedade, todo o mundo está roto por dentro, porque non é quen de unir o seu pasado co seu futuro. De feito, nin sequera estou seguro de que ese futuro exista: o noso desexo xa non é noso e, polo tanto, non podemos proxectalo nun porvir".
Se cadra, hai algo de autobiográfico na historia dese personaxe que volve, despois de moito tempo á súa cidade natal. Algo que tamén ten que ver co tempo e como transcorre segundo quen sexa o observador.
"É certo que eu, sendo de Ferrol e coñecendo ben a cidade, ao volver vinte anos despois sinto máis o paso do empo que unha persoa que non a coñecese anteriormente. Creo que por iso podo mirar a cidade, porque dalgunha maneira me convertín nun estranxeiro. Se non tivese marchado sería como ese peixe que vive na auga pero que non coñece o concepto de auga".
La Parra propicia varias lecturas, mais todas elas apuntan a ese paso do tempo e á nosa relación con el. As imaxes -reais- do Discoverer Enterprise derrubando a ponte das Pías é unha metáfora perfecta desa Europa cuxo soño ilustrado do progreso queda illado, sen que se ofreza unha alternativa de futuro, mais alá da musealización.
"É case un paradigma: o Discoverer Enterprise presentábase como unha imaxe do descubrimento (discoverer), do progreso. E que era o que facía? Furar a gran profundidade para buscar petróleo. E a onde nos levou? Á catástrofe. Era case unha metáfora de como nos estamos cargando o planeta".
Heterodoxia e espectros
La Parra afástase das estratexias narrativas das películas anteriores -máis disruptivas- do director, mais segue habendo un fío que as une, case unha progresión.
"Si que creo que hai unha especie de progresión. Eu quero ser honesto co meu cinema, e polo tanto non podo seguir crendo nesa concepción do cinema no que un suxeito observa a realidade desde fóra dela. Agora mesmo todo está tan mercantilizado que somos tan mercadoría como o produto que vendemos. E xa sabemos o que ocorre coa mercadoría, que é tan obxecto como fantasma. Eu quero ver a realidade obxectivamente, mais sendo consciente de que estou dentro. Nese sentido, pensei que xa me tocaba, que unha narrativa máis convencional podía resultar máis subversiva que seguir mantendo o status quo.
Quizais esa incursión nunha narrativa máis heterodoxa (tomen este adxectivo como algo moi relativo) procede tamén do xogo de reflexos que o autor estabelece a partir dunha televisión -Damián é o concursante dun programa televisivo- que opera como fronteira entre dúas realidades, entre as dúas caras do espello de Alicia.
"Os existencialistas viñan a dicir que o interior e o exterior dialogan porque o que realmente hai fóra é un diálogo interior. Nese sentido, o personaxe de Damián e a cidade acaban por formar unha soa entidade".
Gracia, que nunca ocultou unha especial predilección polo cinema da década de 1970, desde o cinema punk a Fasbinder, "a última época en que o cine se permitiu ser outro e facer grandes preguntas", cre que é posíbel aínda recuperar ese espírito.
"Aínda sabendo que as respostas ás grandes preguntas non existen, sen facer esas preguntas non queda lugar para a esperanza. Eu sempre procuro facer películas que fagan pensar ás persoas que van á sala. Sobre todo, porque se non pensas, non vas saber volver a casa".
Das artes plásticas ao Novo Cinema Galego
Alberto Gracia (Ferrol, 1978) estudou Escultura na Facultade de Belas Artes do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo e foi precisamente nese eido, alén do debuxo e da pintura onde empezou o seu traballo artístico, malia que axiña realizou incursións no vídeo e o cinema.
Estabelecido en Barcelona desde o ano 2002, gozou dunha bolsa Hangar de dous anos (2008-2009) preparou e realizou exposicións coa súa obra no Centro de Cultura Contemporánea, en Laboral Centro de Arte e Creación Industrial de Xixón, o Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa da Coruña (2017) ou en países como Austria ou Francia.
Considerado como un integrante do Novo Cinema Galego, a súa primeira curta foi Microfugas (2008). Despois de distintos proxectos de vídeo e outras curtas, en 2013 estreou a súa primeira longametraxe, O quinto evanxeo de Gaspar Hauser, coa que gañou o premio da crítica da Federación Internacional da Prensa (Fipresci) no Festival Internacional de Cinema de Róterdam . A súa segunda película, A estrela errante (2018), foi galardoada no Festival de Cinema Europeo de Sevilla.
La Parra é a súa terceira longametraxe, tivo a súa estrea mundial no Festival de Cine de Rotterdam e vén de facerse co Gran Premio Alquimias da Seminci.


