Roteiros para coñecer e defender os bosques

Os bosques galegos máis emblemáticos son o obxectivo do novo programa de roteiros que bota a andar Adega-Lugo. Dentro da campaña “Cousas de Raíces” na defensa dos bosques galegos, iniciaranse coa visita á ameazada fraga de Casas Vellas de Catasós. 

Catasós
photo_camera Catasós

Os roteiros que cada ano organiza Adega-Lugo visitarán neste 2015 algúns dos principais bosques autóctonos galegos, dentro a campaña “Cousas de Raíces” na que colaboran tamén numerosos colectivos. 

“O obxectivo xeral da campaña é impulsar a imperiosa necesidade de conservar o bosque galego, tanto por parte da Administración pública, que vén amosando unha clara pasividade, como da sociedade en xeral”, din desde ADEGA, diante do que cualifican como “alarmante retroceso” do bosque galego. 

A variedade dos nosos bosques queda recollida tamén na campaña de roteiros cos que se coñecerán fragas, sobreirais, soutos ameneirais, acevais ou loureirais. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza reparou tamén en espazos en especial perigo por distintas ameazas medio ambientais como son a fraga de Catasós (Lalín) o primeiro dos roteiros, ou o ameneiral de Sarria, sobre o que paira o proxecto de encanamento do río. 

Coñecer para defender

“A defensa dun recurso natural sempre será máis efectiva cando teñamos a información sobre o mesmo sexa ampla e de primeira man”, sinalan, polo que convidan á cidadanía a participar no proxecto. 

O calendario comeza o 25 Xaneiro coa Fragas de Catasós para visitar nos seguintes meses o bosque de ribeira de Sarria, os acevais de Piornedo, o sobreiral do Arnego (Agolada), o bosque de inundación de Begonte ou o Loureiral de Cortegada das Illas Atlánticas. 

Para participar nos roteiros compre se anotar chamando ao 982240299 ou 679113718, ou enviando un mail datos (nome e apelidos e teléfono) a [email protected].

Comentarios