Entrevistamos Olaia Ferrando

"Procuramos que o videoxogo fose o máis realista posíbel"

Un videoxogo guiará a cidadanía pola Pontevedra medieval, co gallo do 850 aniversario do foro. Niso consiste Ponte Veteri, un proxecto desenvolvido polo grupo ComTecArt, que integran docentes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Conversamos con Olaia Ferrando, persoa ao cargo da dirección artística, que nos explica as claves dunha iniciativa que concilia as dimensións lúdica e educativa.
comtecart
photo_camera De esquerda a dereita, Antonio Pena, Olaia Ferrando, Luís "Faraón", Beatriz Legerén, David Conde, Ariadna Cordal e Daniel Malvido.

Que é Ponte Veteri?

É parte dunha acción cultural promovida polo Concello de Pontevedra co gallo de conmemorar o 850 aniversario do foro, cando Fernando II lle entregou á cidade esa condición. A respecto disto, hai unha exposición, que se inaugurou 19 de decembro, un libro que xa se publicou e o videoxogo, que é no que estamos traballando desde a universidade de Vigo, como parte do proxecto do ComTecArt, un grupo multidisciplinar de investigación docente para a ensinanza de videoxogo. Dentro disto, eu levo a parte de dirección de arte, pero hai moita xente detrás: o director director técnico, Antonio Pena; David Conde, programador responsábel do desenrolo de mecánicas, Beatriz Legerén, produtora; Ariadna Cordal, na investigación histórica; Daniel Malvido, artista de persoaxes, e Luis "Faraón" Fernández, artista 3D e animador.

En que consiste o xogo?

En esencia é un roteiro, como google maps, só que se guía ao xogador por un percorrido semellante ao da antiga muralla de Pontevedra. Levámolo por zonas históricas, mentres vai resolvendo enigmas e minixogos. De fondo, hai unha especie de conspiración para impedir que se asine o foro de Pontevedra. O xogador ten un mestre de cerimonias que é unha personaxe moi representativa da cidade, o Rabachol, que adaptamos co nome de Lorichol. Esta figura guía a resolución do misterio. 

Para que serve de pretexto esta historia que se crea?

O xogo está ligado a unha unidade didáctica que se vai repartir aos centros de ensino de primaria, onde se explica a historia da cidade

Sobre todo para o tema de coñecemento do patrimonio arquitectónico e cultural de Pontevedra. O xogo está ligado a unha unidade didáctica que se vai repartir aos centros de ensino de primaria, onde se explica a historia da cidade: como era, que pasaba coa ponte do Burgo, como era o comercio... Trátase especialmente o tema dos gremios. Despois desa unidade, as rapazas e rapaces xogan e reforzan os contidos aprendidos, que quedan deste xeito fixados dunha maneira máis divertida. 

Hai daquela un proceso de documentación detrás?

Si. Foron seis meses de desenvolvemento do xogo, pero investigando levabamos xa un ano, porque había que tratar con moitos aspectos históricos e queriamos que a xente  de Pontevedra estivese cómoda co resultado. Na equipa somos seis persoas, entre as que se atopan alumnas da universidade, como Ariadna Corral, que se ocupou desa figura denominada Historical Researcher, é dicir, quen investiga a nivel histórico para que o resto teñamos a documentación precisa para traballar. Ela tivo unha procura moi intensa sobre a Pontevedra do 1169, buscando referentes, vestimentas, casas... Todo o preciso para darlle rigor histórico, se ben logo na parte artística tomamos algunha licenza para facelo máis visual. Pero o que pretendemos é que sexa o máis realista posíbel para que as mozas collan un modelo mental correcto.

Foron seis meses de desenvolvemento do xogo, pero investigando levabamos xa un ano 

Hai tamén un proxecto de realidade aumentada, non?

Si, na exposición sobre a ponte do Burgo fixemos unha aplicación a maiores, con algunhas pequenas instalacións metidas dentro. É un xogo que ten tres probas. A primeira é un trivial, con preguntas sobre cousas que hai nos paneis; a segunda propón un xogo de construción en realidade aumentada, colocando bloques a través do móbil; e a última proba consiste en atopar obxectos agochados nun modelo de catro metros de longo que se fixo da ponte do Burgo, en realidade aumentada. Cando o consegues, pasan certas cousas que non podemos desvelar.  

Hai unha vontada de sacar o videoxogo da industria do entretemento e demostrar o seu potencial educativo?

Claro. Educativo, lúdico e, sobre todo, cultural. Ao principio, era un roteiro gamificado, máis pouco a pouco foi collendo historia e dimensión até se converter nun videoxogo. É cultural no senso de que está feito para fomentar a aprendizaxe. Porén, non deixa de funcionar ao tempo como unha aplicación turística, porque a App leva a visitar a cidade vella, contando a súa historia. Ten esa dupla dimensión.

Comentarios