O primeiro festival de webseries nace en Carballo

Chámase o CarballoInterPlay e celebrarase do 24 ao 27 de abril de 2014. As webseries pasarán dos computadores ao auditorio, nun recoñecemento á creatividade do sector audiovisual que circula pola rede. 

Fame
photo_camera Fame

Do 24 ao 27 de abril terá lugar o I Festival de webseries de Carballo, o CarballoInterPlay, o primeiro encontro para webseries que nace con vontade de ter continuidade, como mostra e concurso das series producidas para internet. As produtoras ou responsábeis da realización poderán presentar os seus traballos até o 23de marzo e poden competir as series producidas entre os anos 2012 e 2014 e que teñan, cando menos, 3 capítulos emitidos no momento da presentación. 

Os obxectivos do Festival, promovido polo Concello de Carballo, son os  “de apoiar e fomentar a creatividade da xente, apoiar as creadoras e creadores, de visibilizar a cultura que facemos, de apoiar o desenvolvemento da industria cultural”, ademais de dar a coñecer a súa vila.

O palmarés do festival recolle o recoñecemento á mellor webserie de imaxe real e mellor webserie de animación -dotado con 1.500 euros máis trofeo-, mellor webserie galega -1.000 euros e trofeo- premio do público, -1.000 euros e trofeo- e mellor actriz e actor que recibirán un trofeo como premio. 

“Carballo quere converterse por uns días nesa rede social, interactiva, mais non virtual, en que fervan ideas, interaccións e comunicacións. Que o virtual se converta aquí nun pouco máis real. Que quen de cando en vez ve unha webserie soa ou só desde o seu computador tamén a poida ver en Carballo, acompañad@ por moita outra xente, nun auditorio”, explican desde o Festival, que conta cunha páxina web na que se recollen as bases de participación.

Comentarios