Educación

Preocupación pola demora da convocatoria de apoio aos clubs de lectura no ensino

A Xunta non sacou o programa este curso, que adoita saír a comezos de setembro, mais asegura que continuará adiante. Con todo, o temor corre entre o profesorado ante a posibilidade de que se aproveite a escusa de falta de orzamentos para retirar o apoio á iniciativa
A Xunta non sacou o programa este curso, mais asegura que continuará [Espazo Lectura].
photo_camera A Xunta non sacou o programa este curso, mais asegura que continuará [Espazo Lectura].

Entrado xa outubro deste curso escolar anómalo, marcado pola adaptación -por voltas improvisada- á pandemia, comeza a reinar a inquedanza entre o persoal docente, alén doutras múltiplas cuestións, polo silencio da convocatoria arredor dun programa fundamental como é o dos clubs de lectura.

A alerta saltou ao non ter noticia desta iniciativa que, como acontece desde hai 13 anos, sae co inicio do ano lectivo. Esta periodización é importante para que o profesorado "poida planificar o traballo de aquí a xuño", explica Mercedes Queixas Zas, que alén de escritora e actualmente deputada polo BNG no Parlamento, foi coordinadora destes programas desde 2010.

Segundo chegou a coñecemento de Nós Diario, parte do profesorado preguntou directamente á Consellaría de Educación e recibiu a información de que non pensaban sacar a convocatoria. Porén, desde o gabinete contestaron a consulta desta cabeceira "a previsión é continuar".

Mais ante o silencio administrativo desta demora xa comezou a correr entre as responsábeis dos clubs unha carta dirixida a Jesús Manuel Álvarez Bértolo, director xeral de Centros e Recursos Humanos da consellaría de Cultura, Educación e Universidade, na que se solicita o mantemento do programa, destacando os seus beneficios. 

"Para moitos rapaces son o único contacto coa lingua", sinala Ledicia Costas

Ledicia Costas, que observa todo isto desde a perspectiva simultánea de mestra e de escritora, mostra a súa preocupación e define os grupos como "potentísimos dinamizadores" da lectura e da normalización do galego, especialmente en idades nas que este labor resulta complexo por mor dos múltiplos estímulos que recibe a cativada. "Para moitos rapaces son o único contacto coa lingua", sinala, de aí tamén o indispensábel da súa función.

Máis de 12.000 implicadas

Segundo o informe da Asesoría de Bibliotecas Escolares da Galiza do curso 2018/2019 (o último que viu a luz) estarían implicados 903 clubs de lectura, 717 docentes e máis de 12.000 alumnas de centros de ensino de secundaria, formación profesional ou escolas oficiais de idiomas.

"Estamos a falar dun proxecto de moita envergadura", destaca Mercedes Queixas Zas. Por iso, rexistrou onte mesmo unha Iniciativa Non de Lei e varias preguntas no Parlamento galego en relación a isto.

"Estamos a falar dun proxecto de moita envergadura", destaca Mercedes Queixas Zas. Por iso, rexistrou onte mesmo unha Iniciativa Non de Lei e varias preguntas no Parlamento galego en relación a isto.

Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, tamén apela ao éxito do programa no "coñecemento da lingua e da literatura galegas", así como polo apoio, en especial, a novas escritoras, nun momento en que desapareceu boa parte da súa actividade. Os clubs son tamén "elementos socializadores e inclusivos para alumnado con necesidades educativas especiais", recolle a carta do profesorado. 

Adaptación á pandemia

A misiva remitida a Educación refire a necesidade de que a lectura siga presente na realidade cotiá, mesmo nos tempos actuais nos que a adaptación exixe máis grupos "cun número de compoñentes máis reducido", así como "encontros presenciais máis esporádicos (un ao mes), pero apoiados por contactos virtuais e un seguimento das lecturas en rede ou a localización das nosas actividades en lugares abertos", explican.

Do mesmo modo, a carta destaca que o formato do papel non pode desaparecer, pois os centros non dispoñen de libros dixitais nin de soportes electrónicos en número suficiente. Aliás, sinalan que en caso de darse un confinamento, esta fórmula permitiría o acompañamento nos fogares.

É tamén por iso que a convocatoria se volve especialmente necesaria para facilitar a adquisición dos volumes nas librarías locais, o que serviría de fonte de ingresos a comercios afogados pola pandemia. "É unha forma de apoio a todo o sector do libro", asegura Queixas, sobre todo nun momento como o actual.

Neste senso, Sánchez expresa a súa "fonda preocupación" ante unha posíbel retirada "dunha das actividades centrais nun plan do libro e da lectura no ensino". O risco de desartellamento baixo pretextos económicos preséntase así no horizonte. Neste contexto, Queixas chama a non "renunciar a que as bibliotecas sexan epicentro da formación transversal", construíndo un "vínculo entre a lectura e a contemporaneidade". 

Comentarios