O pregón de Cristina Lombao abre o San Froilán, a gran festa do outono galego
A xornalista lucense deu inicio a un programa con máis de 200 actividades. O acto comezou cun canto aberto de "O Carro", de Fuxan os Ventos, con letra de Manuel María.
O San Froilán 2025 botou a andar este sábado en Lugo coa voz e a emoción da xornalista Cristina Lombao, encargada de pronunciar o pregón que marca o inicio das festas máis emblemáticas do outono galego.
O acto, que decorreu na Praza Maior, comezou cun canto aberto de "O Carro", de Fuxan os Ventos, con letra de Manuel María e música de Mero Iglesias. A interpretación foi dirixida polos lucenses Fernando Jácome e Bruno Villamor, e a Tenencia de Alcaldía facilitou partituras ao público para fomentar a participación de toda a veciñanza.
O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, destacou que "hoxe comeza un intenso programa con máis de 200 actividades até o vindeiro sábado 12", e subliñou que o San Froilán é unha das citas culturais máis importantes do país.
Pola súa parte, a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, definiu a Lombao como "unha das voces máis relevantes da historia da radio en Lugo e en toda Galiza", e asegurou que o San Froilán "non é só un extenso calendario de concertos, senón unha oportunidade para mostrar a nosa identidade cultural e pór en valor a Lugo como cidade chea de cultura". Ferreiro convidou tamén a vivir estas datas como "unha experiencia colectiva, na que a música, a gastronomía e a tradición se unan".
No seu discurso, Cristina Lombao reivindicou o carácter popular e emocional da festa: “O San Froilán é, sen dúbida, tempo de encontro, de saír á rúa para ver o que nos ofrece e atopar persoas que quizais levamos tempo sen ver, os que regresan por San Froilán e os que non perdoan inda que sexa tan só unha tarde en Lugo, uns momentos no San Froilán, onde sempre atoparon espazo para botar unhas risas e celebrar a vida”.
Lombao, nacida en Lugo en 1964, é unha das voces máis recoñecidas da Radio Galega, onde traballa desde 1988, primeiro en Santiago e desde 1993 na delegación da Coruña. Dirixiu o magazine O tren do serán entre 2007 e 2009. En 1988 foi recoñecida co Premio Nacional de Artes e Tradicións Populares do Ministerio de Cultura polo programa O bosque animado, emitido na Radio Galega.
Co seu pregón, a xornalista deu paso a dez días de festa cunha programación que mestura tradición e modernidade, e que volve converter Lugo no epicentro cultural do outono galego.