A Praza dos Libros volve a Carballo cun festín de letras, música e gastronomía

Presentación da Praza dos Libros de Carballo. (Foto: Concello de Carballo)

O Xardín Municipal de Carballo énchese de cultura do 10 ao 13 de xullo cunha nova edición da Praza dos Libros, unha festa das letras galegas que mestura literatura, música, obradoiros, folclore e gastronomía para gozar en familia.

Da quinta feira 10 de xullo ao domingo 13, o Xardín Municipal de Carballo (Bergantiños) converterase nun espazo aberto á cultura con motivo dunha nova edición da Praza dos Libros. Un encontro que xa é un clásico do verán e que combina literatura, música, obradoiros, folclore e mesmo sabor da terra para celebrar o mellor da creatividade galega.

Esta edición contará cun feixe de autoras e autores de referencia como Marilar Aleixandre —que será a encargada de abrir o evento como pregoeira—,  Pedro Feijoo, Xabier Queipo, Rober Cagiao, Víctor Cebey, Marta Villar, Carlos Rego, Fernando Cabeza Quiles, Suso de Toro, Xosé Manuel e Icía Varela, Héctor Pose, Txema García, Alejandro Otero Jamardo, Marta Seoane, Laura Tova, Carmen V. Valiña, Xosé Antonio Andrade, Raúl Herrera, Arantza Portabales e Ramón Vilar Landeira

Ademais das presentacións literarias, a Praza dos Libros acollerá música en directo, obradoiros para público de todas as idades e espazos para o encontro arredor das letras. Todo isto, acompañado dun sabor ben especial: a gastronomía tamén se fai un oco, co agasallo dunha lata de atún Calvo por cada libro mercado na quinta feira e un moletiño de Pan de Carballo o domingo, coincidindo co mercado e a feira semanal.

As compras nos postos das librarías participantes terán un 10% de desconto en todos os títulos, e ademais con cada libro entregarase unha tarxeta rasca coa que poderán conseguirse premios directos: libros, mochilas, bolígrafos, pendrives coa gravación da Sinfonía Bergantiños, bolsas de tea…

As casetas estarán abertas ao público de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas (o domingo, ata as 21.00 h), polo que non hai escusa para non achegarse até o corredor central da praza do Concello e coñecer as novidades editoriais que nos traerán Brañas Verdes, Trasgo, Teldy, Clarión, Espiral Maior Foro, Espazo Lector Nobel, todas elas de Carballo, e tamén A gata tola, de Santiago, e Á lus do candil, de Arteixo.

"É unha moi boa programación", dixo o alcalde, Evencio Ferrero, quen amosou ademais o seu desexo de que "os libros en papel cobren protagonismo". O rexedor subliñou que "Carballo será unha festa do libro, teremos oportunidade de coñecer e saudar a persoas de grande prestixio literario e de enorme bagaxe cultural".

A vila transfórmase nunha festa literaria onde as letras se mesturan co folclore, a música e o sabor local. Un plan perfecto para celebrar a cultura galega ao aire libre e en boa compaña.