“Sete Falares” nunha cidade de conto á beira do Lérez

De conto ponse Pontevedra co Encontro Internacional de contadores de historias “Sete Falares” que se desenvolverá do 6 ao 9 de xuño. 

Festival Sete Cantares
photo_camera Festival Sete Cantares

Do 6 ao 9 de xuño, en Pontevedra hai contos para todo o mundo, a toda hora e case en todos os espazos. A cidade vístese por segunda vez de conto para acoller o Encontro Internacional de contadores de historia “Sete Falares” que ofrece tres días enteiros de literatura oral con distintos protagonistas e en diversos formatos.

De bebés a maiores, a programación dos tres días de “Sete Falares” non deixa a ninguén fóra. Beatriz Montero, Celso Fernández Sanmartín, Raquel Queizas, Antonella Giraldo, Luis Correia ou Quico Cadaval ademais de Pavís Pavós -tamén organizadores- ofrecerán os seus contos nun programa que convida tamén a coñecer con outra mirada a cidade de Pontevedra.

Con historia e historias

O Pazo de Mugártegui, no corazón da zona histórica, acollerá a inauguración o venres 6 ás 20 horas cun Quico Cadaval que chegará con “Historias con Albariño” acompañado do cuarteto clarinetista 7 Bis Clarinet Quartet. A partir de aí, os contos sóltanse en multitude de espectáculo, por solto, por dúo ou en grupo e en dúas experiencias que, pola súa singularidade e o grande suceso se repiten para aventurar un espazo fixo en cada edición do Encontro. Trátase, en primeiro lugar da “Ruta de historias por Pontevedra”, un particular paseo que sae de Santo Domingos para visitar tres lugares emblemáticos da cidade, a CITA, o adro de Santa María e a Casa das Campás e se atopar en cada un deles novos contos dos que gozar. A segunda experiencia son as “Historias no meio do mar”, unha travesía de conto pola ría que sae do tradicional peirao das Corbaceiras e que desta volta conducirá Celso Sanmartín. Desde a organización convidan a se anotar nesta actividade, que inclúe xantar a bordo do barco.

“Co encontro quixemos compartir historias para todos os públicos, que gocen coa imaxinación e se deixen levar polas emocións” comenta Tareixa Alonso, membro de Pavís Pavós e unha das organizadoras do encontro. Preséntanos ás persoas convidadas e a súa ampla traxectoria no mundo do conto, a comezar polo “xenial Quico Cadaval ou o portugués Luis Correia Carmelo que traballa sobre a tradición oral portuguesa ou a italiana Antonella que forma parte do grupo “Os contrabandistas de Historias” que organizan un festival en Lisboa ou Celso Fernández Sanmartín que levará a travesía no barco”, explica.

Pazo de Mugártegui, Ruinas de San Domingos, Teatro Principal, Casa das Campás, Adro de Santa María, escenarios únicos nunha cidade que se viste de conto cos “Sete Falares”.

A información completa do programa está ao dispor no www.facebook.com/setefalares ou na conta de Twitter @setefalares

Comentarios