Pontevedra acolle o primeiro Encontro de Arqueoloxía

O encontro xuntará os días 18 e 19 de maio as e os principais referentes da arqueoloxía e a investigación deste tema no Noroeste da península.

Estrutura en Agro de Bazar, Dornelas, Silleda. (Foto: María José Bóveda, Gabinete de Arqueoloxía)
photo_camera Estrutura en Agro de Bazar, Dornelas, Silleda. (Foto: María José Bóveda, Gabinete de Arqueoloxía)

O Museo de Pontevedra impulsa unha nova ferramenta para o debate e o intercambio de coñecementos sobre arqueoloxía. Os días 18 e 19 de maio celebrarase no Edificio Castelao o Encontro de Arqueoloxía, unha cita que pretende reunir cada ano as últimas investigacións neste campo chegadas dos ámbitos profesional e académico. A primeira edición centrarase nas ‘Arquitecturas efémeras da prehistoria recente no Noroeste ibérico’. 

Durante o período que se estende entre inicios do V milenio antes da nosa era (a.n.e) e o I milenio a.n.e., as materias primas más empregadas para levantar construcións no Noroeste da península Ibérica foron madeira, cordas, pólas e terra. Na maior parte dos casos degradáronse e non se conservan, polo que só chegaron até nós nos casos nos que o lume entrou en contacto con elas. As foxas, buratos de poste ou gabias de cimentación son as principais evidencias arqueolóxicas que conservamos para achegarnos ás comunidades desa época. 

As persoas participantes porán en común as últimas pescudas sobre estas arquitecturas, expoñendo os casos particulares dalgúns dos xacementos máis destacados  da prehistoria recente na Galiza, como Zarra de Xoacín e Penedo da Edra (Lalín), Monte Buxel (Redondela), Agro de Bazar e Carballeira do Espírito Santo (Silleda), Setepías (Cambados),  Monte dos Remedios (Moaña), Coto dos Mosquitos (Mos), Monte das Cabanas (Zamáns, Vigo)  e Ventosiños (Lugo). Tamén se presentarán os resultados das investigacións sobre xacementos portugueses como os de Areias Altas (Porto) e A Cimalha (Felgueiras).

 

Pezas descoñecidas

No Museo de Pontevedra analizaranse estas arquitecturas efémeras de lugares de habitación e lugares de almacenaxe relacionados coas tarefas agrícolas e outras actividades produtivas. Polo seu carácter efémero son pouco visíbeis na paisaxe e, unha vez escavadas, moi difíciles de conservar. Por iso son descoñecidas en gran medida polo público xeral e incluso para parte dos profesionais da arqueoloxía. 

Nestas xornadas estarán presentes arqueólogas e arqueólogos profesionais xunto con investigadoras e investigadores de diferentes centros e universidades: Universidade do Porto, Oxford University, Universidade de Santiago de Compostela, Universidad de Oviedo ou a Universidade do Minho.

 

Comentarios