Co galego Antón Blanco e o palestino Najwan Darwish

A política atravesa a vindeira sesión de Poetas Di(n)versos

É imposíbel que a política non atravese, dun xeito ou doutro, a poesía dun autor palestino. É o caso da obra de Najwan Darwish (Xerusalén, 1978), que esta segunda feira, 28 de maio, compartirá escenario na Coruña con Antón Blanco (Vilagarcía de Arousa, 1996), dentro do ciclo Poetas Di(n)versos.
 

Najwan Darwish
photo_camera O poeta palestino Najwan Darwish.

Darwish, que comparte apelido co máis grande dos poetas palestinos contemporáneos -Mahmud-, vive na actualidade en Londres e é xornalista de profesión. “É un dos poetas máis destacados da súa xeración no mundo árabe”, expoñen desde a organización de Poetas Di(n)versos, que dirixe a poeta Yolanda Castaño.

Antón Blanco Casás

A obra atópase traducida a 20 linguas e nela hai títulos como Nada máis ca perder (2014), Durmindo en Gaza (2016) ou Non es poeta en Granada (2018).

Canda o escritor palestino lerá poemas Antón Blanco, un dos poetas de maior repercusión das últimas camadas. Autor de A Oseira (Chan da Pólvora, 2016) e máis do recente Tres estudos para un poema da cidade (Galaxia, 2018), a súa escrita non é allea á preocupación política de signo emancipador.

“Mozos e comprometidos, rigorosos e conmovedores”, cualifícanos desde Poetas Di(n)versos, "o ciclo de poesía da Concellaría de Culturas". O recital será a segunda feira, 28 de maio, ás oito e media de serán, no Auditorio do Centro Ágora da Coruña. A entra é de balde. A maiores, “unha libraría de proximidade” venderá libros dos autores participantes. Que, naturalmente, se prestarán a asinalos.

Nota: o poeta Antón Blanco.

Comentarios