Polas imaxes da Galiza Máxica
Máis de 80 fotografías de santuarios e romarías galegas conforman a mostra Galicia Máxica, do folclorista e historiador danés Gustav Henningsen. Localizada no Museo do Pobo Galego, a súa oficina de socios e socias organiza unha visita guiada a vindeira cuarta feira 12 de xuño, ás seis da tarde.
Henningsen realizou o traballo entre 1965 e 1968. Chegara a Galiza para facer un estudo sobre crenzas e bruxas -a súa especialidade- e acabou rexistrando tamén o material da mostra. Traballaba para a súa tese de dotoramento.
O investigador, nado en Dinamarca en 1934, é ademais antropólogo. Tirou máis de 3.000 fotografías de Galiza.
A visita a Galicia Máxica: Romarías e Santuarios. Gustav Henningsen, fotografías etnográficas (1965-1968) será conducida polo comisario da mesma, David Conde Lourido.