Engaiolarte publica 'Últimas tardes con Xohana', o último libro escrito pola autora

Poemas últimos de Xohana Torres

O libro cos poemas póstumos da escritora foi presentado na tarde de onte na Casa Xohana Torres de Compostela. (Foto: Arxina)
Nos últimos meses da súa vida, Xohana Torres estaba inmersa na escrita dun libro que, talvez, xa consideraba unha despedida. O seu pasamento non permitiu que o rematase, mais Engaiolarte Edicións publica agora os poemas acabados nun volume que permite asomarse ao seu proceso de creación.

“Asistir en directo ao milagre da creación literaria”. Así describe Xosé Fernández Puga, o editor de Últimas tardes con Xohana, o proceso de xestación dun libro que, ao final, quedou incompleto, mais que así mesmo ve a luz agora da man de Engaiolarte Edicións. 

Puga estaba con Torres nunha tarde da primavera de 2017 discutindo os últimos detalles da publicación de Teixido. San Andrés de Lonxe. Mitos e ritos, o ensaio que, en 1972, gañou o I Premio Federico Maciñeiras da Deputación da Coruña e que permaneceu inédito até a súa recuperación por Engaiolarte. Ela, de súpeto, entregoulle unha folla cun poema manuscrito para que o lese. El quedou impresionado co que lía e desafiouna a volver escribir un libro de poemas longos. Ela aceptou: malia que cansa, tiña ganas regresar á escrita. 

Aquela foi a primeira dunha serie de citas nas que se desenvolveu un proxecto que tiña un fin estabelecido: un libro con doce poemas, un por mes. O pasamento de Xohana Torres en setembro daquel mesmo ano non lle permitiu rematalo: o 12 de agosto, Puga recibiu o último dos seis poemas que tivo tempo de escribir a autora de Adiós, María.

Dalgunha maneira, Torres era consciente de que estes eran poemas póstumos, de que o libro constituía unha despedida, e de aí a súa insistencia en que o volume levase o título de Últimas tardes con Xohana, malia as reticencias de Puga, que observaba con desconfianza que remitía á novela de Juan Marsé. “Co paso do tempo decateime do sentido que tiña ese título”, recoñece Puga agora. Tiña claro que eran poemas que ían ser lidos e interpretados cando ela desaparecese. 

Os seis poemas acabados aparecen agora nun volume primorosamente editado por Engaiolarte, xunto coa reprodución do manuscrito do sétimo, daquel no que estaba traballando e que non puido finalizar. Unha reprodución que dá acceso ao seu método de composición, ao “milagre da creación literaria”.

A Deputación da Coruña presentou o libro na Casa Xohana Torres de Santiago de Compostela, coa participación da deputada de Igualdade, María Muíño, da xornalista e escritora Ana Romaní, e da filla da autora Andre Ellacuría Torres

A Biblioteca Xohana Torres

Onte, 22 de novembro, Xohana Torres faría noventa anos e para celebralo, a Deputación da Coruña presentou o libro na Casa Xohana Torres de Santiago de Compostela, coa participación da deputada de Igualdade, María Muíño, da xornalista e escritora Ana Romaní, e da filla da autora Andre Ellacuría Torres. 

É un chanzo máis no propósito de Engaiolarte de editar as obras completas da autora e que continúa o ronsel iniciado con Elexías a Lola -o seu último poemario até este Últimas tardes con Xohana-, o xa citado ensaio sobre San André de Teixido (Cedeira) e o Teatro Completo (A outra banda do Iberr e Un hotel de primeira sobre o río), que viu a luz a comezos deste ano. 

A amizade que mantiveron Puga e Torres nos últimos anos da vida desta propiciou o nacemento dun proxecto, a Biblioteca Xohana Torres, en cuxo esquema a propia autora participou activamente. De facto, nas próximas semanas aparecerá un novo volume, Vigo, capital das illas e do mar, que recolle unha escolma -realizada por ela mesma- de poemas relacionados co mar, engadíndolles ademais pequenas acoutacións que acompañan os poemas orixinais, ao estilo das que inseriu en Elexías a Lola. Torres dirixiu todo o proceso de elaboración do libro e mesmo chegou a ver e corrixir as primeiras probas. 

“Ela mesma foi decidindo a orde de aparición dos libros”, declaran desde a editorial. “Quería que se publicase o ensaio sobre Teixido, porque quedara inédito e porque defendía que o de Santo André de Teixido era o gran mito galego, non o de Santiago de Compostela -aínda que era moi consciente de que nesa defensa loitaba contra xigantes. E teimaba tamén en que se reeditase o seu teatro, porque as edicións orixinais desapareceran das librarías e pensaba, con razón, que iso coutaba calquera hipótese de que as obras chegasen aos escenarios”.

"Ela tiña a teima de que as súas obras debía estar nas bibliotecas públicas", din desde a editorial. "Sempre dicía que as obras que non están accesíbeis non se len, e que as obras que non se len, non existen".

A azarosa vida comercial dos libros fai que algunhas das obras de Torres -como os doutros autores da súa xeración- sexan moi difíciles de atopar nas librarías, polo que esta iniciativa permitirá de novo acceder a unha obra de referencia obrigada na nosa literatura.

"Ela tiña a teima de que as súas obras debía estar nas bibliotecas públicas", din desde a editorial. "Sempre dicía que as obras que non están accesíbeis non se len, e que as obras que non se len, non existen".

Nese sentido, a biblioteca de Engaiolarte sistematiza o legado literario da autora. "Ela quixo deixar ordenado ese legado e nós, primeiro con ela e agora en colaboración coa súa familia, tratamos de publicalo todo de acordo coa súa vontade".

Máis presentacións do libro

Despois de presentarse en Nigrán e en Compostela, Últimas tardes con Xohana tamén será presentado da man da área de Normalización Lingüística da Deputación en Ferrol -na capela do Torrente Ballester, o 24 de novembro-, e na sede da Real Academia Galega, 
na Coruña, o 9 de decembro.