As Pléiades, os Maios, a Cruz e o traballo
Estamos co pé en maio, mes en que ten lugar a festa homónima que celebra a fin do cru inverno e a chegada da primavera e dun florecer que acabará dando sementes, e rexeneración. Tempo en que se conmemora a Árbore da Vida, coas raíces na terra e as pólas á luz. Felipe-Senén, arqueólogo e museólogo, diríxenos á orixe dos Maios. Eis un extracto da peza publicada no Sermos Galiza 293.
Estrelas que asoman polo hemisferio norte e que, no tempo que vai de maio a novembro, entran en conxunción co Sol. Meses recomendados para o traballo no agro, para saír da casa e abrir fronteiras a periplos, a odiseas mariñas de futuro incerto. Sabíano ben os tartésicos, os magos e as meigas destes nosos confíns. Asuntos coincidentes cos da milenaria tradición china e mesmamente maia, casualidades? Universo de saberes confundidos en mitos e ritos que, desde tempos do Megalitismo, “orientarán”construcións con significación astral. Moitos templos gregos orientábanse entre a posta e a saída das brillantes Pléiades. Velaquí astro arqueoloxías para aquixotar e aluar mentes. Ao fin e ao cabo somos ínfimos anacos de estrela, po cósmico.
[Podes ler a peza íntegra no número 293 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]