Caderno de Verán

O Pico Sacro é a estrela

O Pico Sacro é a estrela estival deste ano no concello de Boqueixón. O servizo de turismo municipal, coa coordinación da empresa Geotour Galicia, puxo en marcha unha serie de visitas xeolóxicas que se producen cada domingo e que teñen por obxectivo coñecer en profundidade este cume de 533 metros de altura sobre o val do Ulla e desde o que a visitante pode divisar o Barbanza, a ría de Arousa, Ordes, Arzúa ou mesmo Palas de Rei.
pico sacro 2
photo_camera O Pico Sacro ou Monte Sagrado.

A primeira visita realizouse o 26 de xullo e desde entón pasaron polo Pico Sacro preto dun cento de persoas, en grupos de 15 ou 20 excursionistas cada domingo, nunhas camiñadas que comezan ás 11 da mañá e que se prolongan durante hora e media, aproximadamente.

Este paseo, "apto para calquera sen problemas de mobilidade" asegura o guía Joaquín Rubal, "lévanos polo oeste a través da rúa da Raíña Lupa até o cume e mesmo chegamos a entrar nunha das covas de seixo que fan deste monte algo único no mundo e nun país como o noso, cheo de granito e lousa". A intención da excursión é, como di Rubal, "admirar a xeoloxía e a xeografía que nun bo día se divisa desde o cume" e non tanto as lendas arredor da figura da Raíña Lupa.

O servizo de turismo do concello de Boqueixón tamén oferta outra serie de visitas guiadas, que inclúen o Centro de Interpretación do Pico Sacro pero tamén a ponte Ledesma e as illas de Gres. Para participar nestas outras visitas, organizadas exclusivamente polo servizo de turismo do concello, é necesaria a inscrición previa pero non teñen custo (contactar a través do 981513061 ou no enderezo electrónico municipal [email protected]).

Geotour Galicia / Visita ao Pico Sacro / Inscricións por 10 euros / 30 de agosto / 11 horas  / 675820520 / [email protected]

Comentarios