O piano da familia Castro-Murguía, da Coruña á Casa de Rosalía

A Coral Follas Novas da Coruña vén de cederlle en depósito á Casa-Museo de Rosalía o piano da familia Castro-Murguía que Gala lle agasallara nos anos 50.

pianorosalia
photo_camera O piano xa na Casa de Rosalía, sendo tocado pola pianista e musicóloga Margarita Viso

O piano, que vén de ser restaurado, foi doado por Gala Murguía -a filla máis lonxeva de Manuel Murguía e Rosalía de Castro- á Coral Follas Novas e este colectivo coruñés vén de cederllo en depósito á Fundación Rosalía, xunto cun espello recibidor ‘tremont’ e outros obxectos, como un pisapapeis de Manuel Murguía. 

O piano permite afondar na dimensión musical da obra de Rosalía de Castro, ela mesma instrumentista (harpa, guitarra, harmonio, piano...) e cunha creación literaria que non se pode concibir sen o influxo da música (fundamental en Cantares gallegos) e na que esta é todo un tema. 

Segundo Anxo Angueira, trátase dunha achega “extraordinaria, non só como obxecto, xa que non se pode entender a literatura de Rosalía sen a música”, que supón un paso máis no obxectivo da Fundación de “tratar de conseguir pezas coma esta que estaban no ámbito privado e que agora podemos expoñer ao público”. “Estamos empeñados en que esta Casa teña dentro pezas auténticas da famiia Castro-Murguía integradas dentro dun discurso expositivo acorde aos novos tempos”, abondou. 

Rosalía, que foi visitada musicalmente polos máis diversos estilos ao longo dos anos, foi gabada por Manuel Murguía en palabras recollidas por Juan Naya: “O extraño, o indescifrable, o misterio todo, o que non se formula senón no vago do pensamento, chamábaa como o abismo. Cuando se sentaba ao piano os seus dedos erraban distraídos sobre o teclado e ía arrincando ruídos misteriosos, blandos como suspiros, tenues, impalpables, como sombras, cheos de dozura eclaridad, pero sobre todo dunha melodía atraínte".

Ademais, tamén se presentou na Casa-Museo o cadro ‘Árbore da montaña’, quizais a obra de maior tamaño pintada por Ovidio Murguía, que vén de ser restaurada polo Museo de Belas Artes da Coruña logo de ser adquirida pola Fundación Rosalía en 2014 á familia Bustelo Calvo-Sotelo de Ribadeo.

Comentarios