Audiovisual

A AS-PG abre convocatoria do seu certame de curtametraxes

O certame inclúe unha categoría xeral a "Mellor Curta da X edición", dotada con 1.500 euros de galardón no primeiro posto e 750 euros para o segundo, e un apartado específico para centros de ensino.
Unha nova edición do Certame de Curtas da AS-PG.
photo_camera Unha nova edición do Certame de Curtas da AS-PG.

O Certame de Curtametraxes da Asociación Socio-Pedagóxica Galega abre unha nova convocatoria desta iniciativa destinada a apoiar o audiovisual como forma de comunicación e divulgación da lingua e a literatura galega. As obras  a concurso deben interpretar ou explorar calquera texto do acervo galego, de calquera época, desde unha modalidade libre: videocreacións, curtametraxes, videoclips…

As curtametraxes teñen que ser  inéditas ou estreadas entre o 1 de setembro de 2018 e o 13 de novembro de 2020, data límite para presentar os traballos. A duración debe ser inferior a 30 minutos, créditos incluídos, e o idioma (audio e texto) das obras presentadas será o galego. Cada participante poderá presentar un máximo de tres obras.

Catro premios

O certame inclúe unha categoría xeral a "Mellor Curta da X edición", dotada con 1.500 euros de galardón no primeiro posto e 750 euros para o segundo. Ademais, existe un apartado específico para centros de ensino cun primeiro premio de 1.000 euros e un segundo de 500. Cada peza só poderá concorrer nunha das seccións.

A entidade organizadora nomeará un xurado composto por persoas de recoñecido prestixio no mundo da literatura e do audiovisual, que designará un máximo de tres finalistas en cada categoría. Así mesmo, nomeará unha comisión organizadora encargada de recibir as obras e avaliar a adecuación ás bases.

As pezas admitidas a concurso e as finalistas daranse a coñecer a través da web da AS-PG. As gañadoras faranse públicas no acto de entrega de premios que terá lugar en decembro de 2020, cuxa data e lugar tamén serán comunicados por vía online.

Comentarios