Tres Pesos celebra a transmisión oral no seu último disco, 'Cantares e contares'
Cociñan os seus discos a lume manso, e talvez por iso presentan o seu último traballo nun restaurante, O Dezaseis de Compostela. Felisa Segade (voz e percusións), Pepe de Calo (gaita, clarinete, voz e percusións) e Xoán Porto (acordeón, voz e percusións) forman Tres Pesos, a banda que, presentou onte o seu novo rexistro, Cantares e contares, cuxo impulso continúa a ser o mesmo que animou a formación do trío: actualizar a tradición, tomar a herdanza das cantigas que a transmisión oral mantivo viva, para renovar un patrimonio que ten a lingua, o humor e a sabedoría popular como faros que marcan o rumbo.
"O destino designou como depositarias da nosa esencia ás xentes do pobo, e cando estas cantan e contan a quen as quere escoitar, o que sucede transcende a unha simple comunicación: a transmisión oral crea, entre quen emite e quen recibe, un vínculo que os fai para sempre parte dunha mesma realidade; posuidores do mesmo coñecemento e responsábeis da súa perdurabilidade", explican.
Historias e identidades
Cantares e contares quere dar un paso máis alá, e "ampliar o campo da transmisión oral máis aló das cantigas, para compartir co público unha ducia de contares e cantares entrañábeis que os compoñentes da banda recibiron xa de outros, para que a roda desa herdanza que pasa dunha xeración á seguinte non se deteña".
Os compoñentes de Tres Pesos insisten no protagonismo desa transmisión oral no disco que agora estrean. "A nosa música non ten ningún sentido sen ela; nestes once anos foi a nosa base e seguirá a selo", declara Felisa Segade. Pepe de Calo, ademais, apunta que "existe un debate sobre se a transmisión oral segue dándose na Galiza ou non. E o que sucede é que as sociedades cambian e as formas que adquire a cultura popular mudan con elas. Se cadra agora esa transmisión está máis presente nos escenarios ou nos seráns populares que nas lareiras ou no traballo. Pero a cuestión é que segue viva, e a proba é que estamos aquí, como un elo máis desa cadea".
Esa transmisión ten moitas caras e Felisa Segade pon o acento nos paratextos que implican as recollidas de material popular para explicar ese contares do título. "Cando vas recoller cántigas e bailes, as informantes non cantan e bailan soamente, tamén falan, contan historias ou empregan frases feitas e xiros lingüísticos que, por si sós, xa son manifestacións dunha determinada cultura, dunha forma de ver o mundo que é a nosa. No disco e na xira que seguirá tamén queremos que esa parte estea presente, que poidamos interaccionar coa xente, sen abafar, e contar eses relatos que fan parte da nosa historia".
Pepe de Calo abunda nese elemento da cultura popular chamando a atención sobre os títulos das pezas que conforman o disco. "A que abre o disco, por exemplo, titúlase Tiña falta de morrer. Iso xa conta unha historia e xa di moito sobre unha determinada maneira de concibir o mundo. E sobre a lingua na que se expresa esa cultura, porque se probas a dicir o mesmo en castelán, ou noutro idioma calquera, non funciona da mesma maneira en absoluto".
Non faltan exemplos do que anota Pepe de Calo entre as doce pezas do disco: "Dios me libre dun xa foi", "Comede pan que é o que levades" ou a súa favorita, "Cóbrame aquí, que quero ir morrer á casa".
"Ás veces dinnos que os títulos non teñen que ver co que din as cancións, pero é que as cancións populares non teñen un tema definido", explica Segade. "Na Galiza, dentro da mesma peza, tes cántigas que tratan diferentes temáticas, e cada unha delas é unha historia brillante. Respectar esa forma de agrupar as cantigas tamén é unha forma de reivindicar a nosa idiosincrasia".
Respectar o sinxelo
E para que esas historias teñan o protagonismo que merecen, o grupo tratou de simplificar ao máximo os arranxos, segundo comenta Xoán Porto. "Afianzamos o son que xa tiña o trío, mais tendo como prioridade que o contrapunto non distraia do texto, que se respecte a forma tradicional de tocar as cantigas e que o público preste atención ao que se conta e ao que se canta. Apelamos á sinxeleza das formas tradicionais de tocar. Ademais, incluímos dúas pezas en directo para que non se perda de todo esa maneira de tocar e de gravar, que se poida percibir o contacto directo co público".
Ese contacto, polo de agora, ten a primeira cita no Teatro Principal de Santiago de Compostela, onde presentarán oficialmente o disco o día 22 de febreiro. "Hai outras datas que están aínda no aire, pero o sinal de saída vai ser ese concerto no Principal", confirma Pepe de Calo
Aínda que o proxecto levaba en marcha moito tempo e non estaba preparado facelo coincidir coa efeméride, xirar o disco no ano en que se lle dedica o Día das Letras Galegas ao cancioneiro popular galego outórgalle unha aura especial aos concertos. "Aumenta a responsabilidade que temos en contribuír a que se tome conciencia do tesouro que é o patrimonio cultural galego", remata Xoán Porto.
Celebrar o coidado da lingua e da terra
Tres pesos naceu en Compostela en 2013, formado por Felisa Segade, Pepe de Calo e Estevo Lamas. Un ano máis tarde gravaron o seu primeiro disco -consecuentemente titulado Acta fundacional- no estudo da Radio Galega, para, tres anos máis tarde, en 2020, sacar o álbum De cando os animais cantaban, un reflexo e unha vindicación da necesidade cultural dos galegos e galegas de expresarse a través da música en calquera situación da vida cotiá.
Os doce temas que compuñan aquel disco conformaban unha aposta por amosar a potencialidade de boa parte das mesturas tímbricas existentes na nosa tradición viaxando dende as melodías de gaita, clarinete e acordeón até as inmensas posibilidades das percusións tradicionais e das voces, tanto monódicas como polifónicas.
Tras a retirada de Estevo Lamas e a incorporación de Xoán Porto, Tres Pesos volve agora aos escenarios con Cantares e contares, unha serie de cantigas para celebrar e reforzar o coidado da lingua e da terra.
Segade, Calo e Porto estiveron e están, ademais, vinculados a ducias de proxectos musicais e culturais; Malveiras, Colexiata, Pradairo, Limagoia, A Ponte Vella, Ker-cuez, Estivada de Calo, Arreixeira, Leilía, Liceo de Noia, Brincadeira...