Entrevista

Pepe Barro, Premio da Cultura Galega de Artes Visuais: "Unha nova imaxe do país contribúe a forxar un futuro diferente"

O deseñador Pepe Barro celebraba en 2023 os 50 anos da súa carreira profesional, comezada en 1973.
Sen dúbida, o deseñador Pepe Barro foi o protagonista principal dunha revolución estética que contribuíu a fraguar unha nova imaxe do país, sintonizándoa coas principais correntes internacionais que se foron dando nos máis de cincuenta anos que leva na profesión. Esta quinta feira recollía o Premio de Cultura Galega de Artes Visuais en recoñecemento dunha traxectoria fundamental. Barro recibiu o galardón en compañía dos outros premiados, Manuel Lourenzo, Marta Pazos, Joaquín "Kin" Martínez Silva, Ficción Producións, Julia Díaz, Xosé Manuel González Reboredo e o Real Club Celta de Vigo. 

Os deseños de Pepe Barro constitúen unha parte inevitábel da imaxe da Galiza das últimas décadas. Despois de máis de cincuenta anos, no seu currículo están presentes logos, capas de libros, imaxes corporativas, cabeceiras de publicacións periódicas, museos, cartaces, autocolantes... e algunhas das imaxes máis icónicas do país, desde a renovación da Casa de Rosalía de Castro até a camisola da selección galega. Non debe existir unha soa persoa na Galiza que non tivese nas mans, nalgunha ocasión, un deseño de Barro.

—Como recibe este premio tras máis de 50 anos de traxectoria profesional?
Os Premios Nacionais, en todos os países, intentan forxar un canon que lexitime unha serie de persoas en diferentes ámbitos. Este caso, en que se me concede o premio na categoría de Artes Visuais, prodúceme unha gran satisfacción porque é a primeira vez que o deseño é considerado nesta categoría. Entendo que o xurado recoñece así que o deseño rende altas prestacións á sociedade e á cultura. Sempre fun un activista a prol da profesión, quizais porque, polos anos que levo, tocoume moitas veces predicar a favor do deseño. Con este premio vexo que algo da prédica foi callando. Nese sentido é un duplo orgullo, por min e pola profesión. 

—O deseño percorreu un longo camiño, do que vostede foi testemuña e protagonista, até este recoñecemento que o pon á altura doutras disciplinas como a pintura ou a escultura.
Non tiña esa consideración pero penso que, cada vez máis, estase vendo a arte como algo máis aberto. Tan arte é a arquitectura como o deseño gráfico; por non falar da banda deseñada e doutras actividades que pouco a pouco se van percibindo como tan interesantes como as tradicionais.

—A súa traxectoria tamén está moi ligada a un forte compromiso co país, a xerar identidade a través da súa profesión.
Por vontade propia e por acaso. Mais sobre todo porque as áreas máis sensíbeis ao traballo das persoas que nos dedicamos a isto procedían do mundo da cultura. Case sempre con minutas moi cativas, pero creo que desde a cultura foi translucindo outra maneira de facer as cousas, de expresarse. Foi trasladándose ao resto da sociedade. 

De feito, para a semana que vén, temos unha xornadas dedicadas ao deseño na industria alimentaria na que participan varios estudos galegos e que servirá para visualizar maneiras de facer diferentes neste campo. Un campo, por outro lado, no que o deseño pode transformarse nunha ferramenta estratéxica para osixenar e darlles identidade aos produtos. 

—Seguindo con esta importancia do deseño para crear identidade, vostede, ademais da súa actividade profesional, dedicou moito tempo de forma pioneira ao estudo da historia do deseño na Galiza.
Se cadra isto vén dado porque nin eu nin os meus colegas puidemos coñecer de forma estruturada o que se tiña feito aquí. Coñeciamos os grandes fitos internacionais, pero descoñeciamos cal era a nosa propia historia. Ese tema preocupoume tanto a nivel persoal como por vontade de transmitir ese coñecemento a outros. E un pouco como puiden, fun rescatando episodios e persoas que tentei situar fóra dos tópicos que se adoitaban manexar. 

Por exemplo, é moi significativo o caso de Castelao, que aínda que non se dedicou de maneira profesional a esta disciplina foi un gran deseñador sen que esa faceta fose nunca destacada nas súas biografías. E outros como Federico Ribas ou, especialmente, Luís Seoane, que ademais de ser un gran deseñador, tiña unha visión moi clara sobre o que tiña que ser o deseño para a Galiza. 

—A Deputación da Coruña encomendoulle este ano crear o Premio Luís Seoane de Deseño.
Fun eu quen propuxo darlle o nome de Seoane, unha suxestión que foi acollida creo que con moi bo xuízo. Porque temos unha historia, hai obras -ás veces anónimas-, material e persoas que arman un percorrido e que cómpre recoller nunha Historia do Deseño Galego, que é unha das miñas teimas. No ano 2018 publiquei Máis que ver: cen historias do deseño na Galiza [en Xerais] e, se todo vai ben, espero publicar outro volume con máis achegas neste campo para o ano que vén.

—Vostede foi quen chamou a atención sobre a dedicación ao deseño de moitos vultos da cultura galega, como os que cita: Castelao, Seoane, Díaz Pardo...
Naturalmente o labor destas persoas estaba dirixido ao progreso do país, a transformar a Galiza nun país moderno. E nese sentido o deseño é un factor importante. E dunha maneira ou doutra todos seguimos nesa teima de insistir en que o deseño pode ser útil para forxar ese futuro diferente, crear unha nova imaxe do país contribúe a esa tarefa. A identidade sempre se está redefinindo, a dos individuos e tamén a dos países.

—Vostede goza dun gran respecto e cariño de parte das novas xeracións de deseñadores e deseñadoras. Como ve vostede o deseño galego neste momento?
Excelente. As xeracións máis novas están moito máis preparadas que nós á súa idade, e teñen unhas oportunidades coas que nós nunca soñamos. É lóxico que a sociedade vaia evolucionando e ofrecendo novas oportunidades, e estas novas xeracións están respondendo cun nivel de excelencia moi alto. Hai que recoñecer os que quedan aquí e as moitas persoas que, traballando fóra, volven sen demasiada seguridade no futuro, pero paulatinamente van ensanchando os límites dos nosos soños como profesionais.

—Non sei se seguen vixentes eses referentes que vostedes tiñan -a Bauhaus, os construtivistas rusos...-, artistas que tiñan unha vocación social moi destacada.
O deseño que se desenvolve en toda a Europa de entreguerras sempre tivo unha compoñente social, é algo consubstancial ao nacemento do deseño moderno: mellorar a calidade de vida das persoas, crear unha mellor relación cos obxectos... E creo que esa vocación segue estando presente. Cando hoxe deseñamos un obxecto estamos tamén procurando que chegue mellor á sociedade. E tamén que a empresa que o produce poida relacionarse mellor con esa mesma sociedade, que lle achegue un grao máis de desenvolvemento. O deseño é un factor máis, eu non diría que menor, nese proceso. É algo xenético nesta disciplina. 

—Seoane dicía que "quería enriquecer o mundo coa nosa diferenza". Se cadra este premio recoñece que vostede fixo precisamente isto.
Pode ser, sempre procurei coñecer e adoptar as formas máis contemporáneas do deseño, pero tamén as máis antigas e tradicionais formas de facer neste país. Son as dúas pólas nas que fun sustentando o meu traballo.