DO 18 AO 20 DE AGOSTO

Xurxo Souto, Ugia Pedreira e O Leo tamén se suman ao Revenidas

Presentación do festival esta mañá en Vilaxoán

Xa sabiamos os cabezas de cartel do Revenidas, unha das citas musicais máis importantes do verán, pero agora hai que engadirlle a Skindred, La Pegatina, Riot Propaganda, De vacas, Esne Beltza, Terbutalina, Bohemian Betyars e Dakidarria  outros moitos nomes e actividades alternativas.

A 14º edición do festival Revenidas, que se celebrará os próximos 18, 19 e 20 de agosto en Vilaxoán, presentouse esta mañá no Parque de Dona Concha e puidemos coñecer polo miúdo a totalidade da programación.

 

O festival, que contará con case unha trintena de bandas galegas, do estado e internacionais, terá unha especial presenza de bandas de “mulleres bravas, que amosan os seus sentimentos a través da música”, tal e como apuntou Xoán Quintáns, director do evento. Exemplo disto son as artistas Sara Hebe, Pupil·les, De Vacas, Vodoo, Bolboreta, Ugía Pedreira ou Najla Shami. Tamén quixo destacar o espírito do festival “que continúa facendo unha clara aposta polos artistas e bandas do país" como Terbutalina, Dakidarría, Doen, Noite Fechada, Xurxo Souto, Galifunk Brass, La Duendeneta, Os Terribles de Arousa, Bloquinho Aperta, Zapa! e SondaRúa.

 

O cartel complétano grupos procedentes de Asturies, Madrid, Valencia, Cataluña, Euskadi, Navarra, Madrid, Arxentina, Hungría ou Reino Unido facendo do Revenidas un auténtico “Festival das Linguas”. En relación a isto, Xosé Leal quixo gabar a aposta que fai a organización polas “diversidade de linguas e o mantemento do noso patrimonio musical e mariñeiro”.

 

Música no Chasula

 

Nesta edición os asistentes poderán vivir unha experiencia marítima pola Ría de Arousa a bordo do Chasula, unha embarcación tradicional na que unha degustación gastronómica de produtos 100% galegos se fusionará coa música en directo de Ugía Pedreira e Pierrot Rougier, Lydia Botana, O Leo i Arremecághona, Najla Shami e Xurxo Souto. O propio Souto remarcou a importancia de aprender a vivir o Revenidas como unha expeciencia única, tanto desde o lado dos asistentes ao festival coma desde o papel dos músicos. “Non hai experiencia musical máis bonita que cantar en Vilaxoán. Cantar e ver como che está dando o vento mareiro”, apuntou.


 
O festival contará tamén con outras actividades paralelas como a Gran Gala de Circo Solidaria “Flores contra o esquecemento” a favor de Pallas@s en Rebeldía, a habitual Sardiñada Popular Revenidas, diferentes prostas gastronómicas a cargo de recoñecidos chefs, 17 horas de música soundsystem no Recuncho DUB ou a Feira Revenida,.