A pegada de John Berger na literatura galega

O escritor británico faleceu esta segunda feira aos 90 anos

John Berger
photo_camera John Berger

O escritor, pintor e crítico de arte John Berger faleceu esta segunda feira aos 90 anos en París. O autor inglés é un referente. Un artista polifacético que ensinou ás súas lectoras e lectores a comprender mellor a súa contorna. A reparar en todos os detalles. A observar o mundo. Berger formouse como artista plástico e converteuse nun dos teóricos da arte máis influentes. Modos de ver é o conglomerado do seu pensamento, unha das obras máis importantes da historia da arte. Antes de ser publicada como libro, foi emitida en 1972 como serie de televisión pola BBC. Aí podíase observar o propio Berger explicar a súa teoría da arte e demostrar o valor oculto de cada obra. O que aí detrás. No mesmo ano publicaba G, coa que gañou o Booker Prize. 

Son moitas e moitos os autores galegos que non o esquecen. Manolo Rivas publicou esta segunda feira en El País unha emotiva homenaxe. “Lémbroo outro anoitecer en Galiza na hora de entre can e lobo, arredor dun lume, nun monte próximo ao río Mandeo de Betanzos. Ano de 1994. Escoitaba moi atento a información de que o ser vivo con máis sinónimos na lingua galego-portuguesa é a luciérnaga, empezando pola súa denominación máis popular: vagalume. Máis de cen nomes. Aquela noite, na Espenuca, os seus ollos tiñan o brillo de luciérnagas. De maneira moi discreta, debuxaba nun caderno cos tizóns máis pequenos da fogueira. Adoraba a luz, penetrábase no misterio”, escribe Rivas. 

Mais non foi o único, o crítico literario Ramón Nicolás publicou en twitter este chío: “Porca terra, inesquecible, en tradución de Xoán Abeleira. Descanse en paz John Berger.” Teresa Moure dedicoulle en Facebook estas agarimosas palabras: “O escritor vivo que mais admirava partiu hoje. John Berger, um gigante. O peso da porca terra há de ser leve para quem nos deu olhos para ver. Será por isso que meu corpo decidiu ferver...”

Berger tamén foi poeta. Un grande poeta. Mais a verdade é que a poesía está presente en toda a súa obra. A descrición minuciosa e detallada. Non se limitaba a explicar, senón que entraba nos relatos para non saír nunca máis. As editoras e poetas Dores Tembrás e Antía Otero tamén o lembran no Facebook. “O ano non puido comezar peor. Morreu John Berger”, afirma Dores Tembrás. “Grazas por ensinarnos a mirar #JohnBerger”, escribe Antía otero. 

“O compromiso de Berger era escribir”, sinala Rivas. Agora, grazas a iso, sempre seguirá vivo entre as páxinas da súa extensa obra. 
 

Comentarios