Contracultura

Pedro Lucas e Tereixa Novo: "Fuxan os Ventos foi, é e seguirá sendo historia musical da Galiza e parte de moitas xeracións"

O músico Pedro Lucas xunto a Tereixa Novo, "voz" de Fuxan os Ventos. (Foto: Arxina)
Tareixa Novo e Pedro Lucas repasan os cincuenta anos que Fuxan os Ventos fará mañá, 22 de outubro. Lembran para Nós Diario algúns dos momentos máis icónicos do grupo e abordan o seu futuro. A banda recibiu este mes o galardón honorífico nos Premios Martín Códax da Música. Ademais, o Cárcere Vello de Lugo abrirá mañá as portas dunha exposición que celebra o medio século de vida do grupo.
 

—Mañá [por este sábado] fanse cincuenta anos de Fuxan os Ventos e este mes, ademais, celebraron o Premio Martín Códax.
Pedro Lucas
: Desde os seus inicios en 1972 até 1989 foron aumentando o número de actuacións e a resposta en canto a popularidade. Eu entrei en 1983 e puiden vivir todo iso. Despois decidimos deixar de actuar nese ritmo frenético, aínda que gravamos dous discos. Claro, é un grupo non estándar, porque non gravabamos disco nin faciamos xira como se fai agora. Fuxan leva moitos anos nunha dinámica totalmente diferente. Como digo, eu entrei máis tarde e xa era admirador seu. Para min, había dous referentes: Fuxan os Ventos e Milladoiro; e sempre pensei que Fuxan non foi recoñecido, aínda que popularmente si o estivera. Pode soar fatal, mais practicamente non tivemos premios. Co aniversario parece que hai xente que valora o esforzo feito e que sexa a Asociación Músicas ao Vivo a que nos dá este premio é dobremente satisfactorio. Hai premios que teñen máis valor. 

Tereixa Novo: Fuxan foi, é e seguirá sendo por moito tempo historia musical da Galiza e parte fundamental de moitas xeracións que medraron, cantaron e bailaron con nós. En canto ao premio, estou moi agradecida porque para nós é especialmente importante, pero tamén son sincera e penso que xa era hora. Non é que nos doa, mais sempre nos sorprendeu.

—Dentro de todo este percorrido, hai algún momento que destaque?
T.N.
: Toda a época na que estivemos actuando até 1989 foi importante. Foron vinte anos por e para Fuxan. A partir de aí non é que decidiramos desaparecer, máis ben acordamos facer o que nos dera a gana, como e cando quixeramos. 

E aí hai que sinalar o concerto Terra de Soños en 2008 no Auditorio da Galiza. Supuxo un esforzo tremendo, pensabamos que xa non iamos estar dispostos nin ter a capacidade para facelo, e tamén foi un reencontro con toda a xente da música que nos acompañou. Foi un revivir. 

P.L.: A idea era xuntarnos para facer directos en Compostela, mais ante o éxito acabamos por facelo en todas as cidades galegas.

Neses concertos levamos un repertorio de 28 temas, contabamos cunha banda de música dirixida por Xosé Lois Romero e a maiores con moitos colaboradores da música e da danza galega: Uxía, Guadí Galego, Xabier Díaz, Rodrigo Romaní, etc. Isto quedou reflectido nun disco DVD que tamén foi emitido na televisión.

—Cal é o futuro do grupo?
P.L.
: Todos os 50 anos son importantes, mais os que van desde 1972 até 2022 sono especialmente para a Galiza. Falamos do final do franquismo, da censura, da persecución do galego e da cultura. E pasamos diso a unha dignificación: até Fraga dicía que Fuxan era o seu grupo favorito, que non o sería en absoluto, mais houbo un momento que parecía que había que dicir iso.

Queríamos facer unha páxina web para recoller a historia do grupo, de todas as persoas que pasaron, e comezamos a traballar nunha grande exposición que mañá se inaugurará no Vello Cárcere de Lugo.

Hai algunhas persoas que din que non nos xuntaremos máis. Eu non o diría así, e déixoo aberto, non porque teña perspectivas de nada, senón porque sei que historicamente hai circunstancias e reivindicacións nas que até que esteamos totalmente impedidos ou mortos imos facer por estar. Como estivemos no decreto do bilingüismo, na cota empresarial, no Prestige ou, por desgraza, no ámbito necrolóxico, cando morreu Darío Xohán Cabana. 

T.N.: A idea principal é que esta exposición vaia, cando menos, ás sete cidades galegas. Despois de Lugo estará en Compostela. Por outra parte, iamos celebrar o 50 aniversario cun disco que gravamos e que nunca chegamos a sacar.