CONTRACULTURA

Paula Mayor, Premio Castelao de Banda Deseñada: "Había unha visión dunha Rosalía pesimista que contrastaba coas opinións das súas achegadas"

Paula Mayor dedícase á ilustración e ao deseño editorial. (Foto: Nós Diario)
Paula Mayor, ilustradora, foi recoñecida co Premio Castelao de Banda Deseñada, da Deputación da Coruña, pola súa obra 'Rosalía Oculta', na cal aborda en profundidade a versión máis humana da poeta. 

Como xorde a historia de Rosalía Oculta?

Hai tempo encargáranme unha ilustración de Rosalía para conmemorar o seu aniversario, e investigando fun achegándome á súa biografía e obra. Así, atopeime con que non había demasiada información que permitise coñecer a autora en profundidade. Unha muller nunha sociedade claramente machista, que ademais escribía en galego, unha lingua considerada de clase baixa e inculta, que reivindicaba as inxustizas sociais e que se atrevía a tocar temas tabú na súa época como o  feminismo e a androxinia. A súa vida e obra fascinoume de tal maneira que decidín que tiña que facer esta historia.

Precisamente, un dos aspectos que máis salientou o xurado do premio foi o peso que lle deu á súa parte máis humana. Como foi o proceso de documentación?

Sorprendeume que houbese tantas opinións diferentes acerca da súa vida, a súa infancia, a súa personalidade. Mesmo atopei que nalgúns dos seus retratos, case inexistentes, chegaron a confundila con algunha das súas fillas. 

Sobre todo, había unha visión dela bastante pesimista e melancólica que contrastaba con opinións de persoas próximas á poeta e co carácter que mostra na súa obra. Lin e mergulleime en canto escrito puiden atopar sobre ela, opinións de autores do seu tempo e críticos literarios, as poucas entrevistas que hai dos familiares e persoas próximas. 

As cartas que se escribía con Manuel Murguía e amigos tamén foron de moito apoio á hora de construír a súa personalidade, axudan a facerte unha idea de como eran as relacións e os círculos nos que se movía. 

Ademais, foi necesario estudar o momento histórico que lle tocou vivir, o illamento de Galicia, os costumes galegos, a emigración, as enfermidades, que significaba ser galego nese tempo... Todo isto axuda a entender todas as dificultades que tivo que afrontar para converterse na grande escritora que foi.
Para min, gañar un premio tan prestixioso como este na miña terra e ademais cunha historia sobre Rosalía de Castro foi unha alegría tremenda. Desde pequena son amante dos cómics, tanto a miña irmá como eu criámonos adorando as historias de Quino, Ibáñez, Claremont, Frank Miller… 
Devorabamos calquera cómic que caese nas nosas mans. Así empecei no mundo da ilustración: alá onde ía sempre levaba un caderno na man debuxando historias e, cando tiven oportunidade, presenteime a varios concursos gañando algúns deles. Continuei no mundo da ilustración e o deseño gráfico e ano tras ano visitaba a feira de banda deseñada da Coruña, Viñetas dende o Atlántico, vía os cómics expostos do concurso Castelao e sempre me repetía que ao ano seguinte participaría. Este ano decidinme a facelo por fin, e tivo a súa recompensa!

Como decidiu o estilo co que quería ilustrar Rosalía?

O certo é que o tiven moi claro desde o principio. Cando empeza o proceso de creación, as imaxes, as ideas, chegan a ti en calquera momento do día ou da noite, queiras ou non! Tiña moi claro que non quería facer un cómic autobiográfico denso, tiña que reflectir o meu estilo, a miña forma de ver a riqueza do universo rosaliano e chegar a un público amplo, tanto a aquel que coñece a Rosalía como ao que non. Ela é, xunto con Bécquer, unha figura indispensábel dentro da poesía romántica do século XIX: os temas que trata nos seus escritos, a súa propia vida coas súas luces e sombras, todo casa perfectamente con ese estilo. 

Por suposto, unha vez que empezas fanse moitos bosquexos, tes que tomar decisións e sacrificar algunha idea que tiñas ao principio. A propia historia vai guiando e, por suposto, a súa poesía que tiña que estar moi presente. 

Existen moitas Rosalías, e só podo pretender compor un pequeno anaco dese crebacabezas con esta obra. Pola miña parte, vou dedicar todo o mimo e dedicación posíbel para achegar esta Rosalía Oculta ao público.