Patricia Varela, AS-PG: "A curta gañadora deixa ver o machismo que aínda existe na creación dos canons literarios"

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) entregou os galardóns do XI Certame de Curtas, entre os que se atopa o IES de Arzúa, gañador desta edición. Ademais deste proxecto, a asociación desenvolveu e puxo en marcha outras iniciativas pese ás dificultades da pandemia. Falamos con Patricia Varela, presidenta da entidade.
Patricia Varela
photo_camera Patricia Varela

Cal foi a proposta do IES de Arzúa?

Leva 2 años gañando o mesmo centro, un instituto rural cunha fonética galega incríbel. Neste caso, non adaptaron un texto dun autor ou autora, senón que fixeron unha especie de documental. Realizaron unha enquisa ao alumnado e profesorado do centro sobre o papel das mulleres na literatura. Penso que debería mostrarse en todos os centros, deixa ver o machismo que aínda existe no mundo editorial e na creación dos canons literarios.

Ao final, o que subxace é que se está facendo un bo traballo. Os rapaces e rapazas aprenden unha chea de cousas sobre como funciona a creación dunha peza audiovisual. É algo que temos todos diante dos ollos todos os días e a todas horas, pero deste modo aparece esa reflexión de como crear unha peza cunha temática concreta. 

Como xurdiu o certame?

O certame leva once anos realizándose. Comezou centrándose soamente na obra de Rosalía de Castro, era ‘Curtas para Rosalía’. Co paso dos anos, decidiu abrirse a todo tipo de literatura. A verdade é que estamos contentas porque está tendo bastante éxito. Estes dous últimos anos a verdade é que tiñamos medo, porque nos centros de ensino é complexo xuntar o alumnado, e facer calquera cousa que se saia de dar aulas pode ser un problema, xa que tampouco hai espazos. Aínda así, están facendo un esforzo moi grande e o profesorado está motivando os rapaces e rapazas.

No 2020 tamén crearon un concurso de podcasts.

Si. O ano pasado tivo bastante relevancia e este non tivo unha participación tan alta, mais aínda así estamos contentas. A maiores, creamos tamén un novo concurso chamado ‘Coreografíate’. O noso obxectivo era difundir a lingua galega e a música en lingua galega entre a mocidade. Temos achegas de distintos grupos, chamounos a atención que varios deles escolleron unha canción das Tanxugueiras. Foi antes de todo isto de Eurovisión, xa se vía que era unha proposta que gustaba. Tamén temos diversidade nos centros, desde nenos de primaria a alumnos de bacharelato Son perfís moi diferentes, mais todos se moven ao ritmo da música en lingua galega e penso que é importante, posto que a CRTVG non a promociona. 

Como foi desenvolver iniciativas en tempos de pandemia?

A verdade é que durante abril de 2020 tivemos unha reunión e decidimos modificar algúns dos proxectos que levamos a cabo. Por exemplo, o '70 minutos', que sempre fora presencial, tivemos que pasalo ao audiovisual. Abrimos unha canle de YouTube a subimos aí o contido. O formato é o mesmo, encontros con persoeiros ambientados por un grupo musical, pero perdemos esa presencialidade. É un modo tamén de chegar a máis xente, xa que antes podía acceder un número limitado de persoas. Agora pódese ver en calquera momento e ten máis difusión.

Cales son os plans para o futuro?  

Estamos pendentes da presentación dun libro que pensamos que é moi necesario. É dunha obra de Francisco Rodríguez sobre a historia da Galiza. Leva varios anos traballando nela e semella que para comezos do ano que vén xa poderemos tela.

Creo que vai ser unha obra de cabeceira para moito profesorado galego e para calquera lectora interesada na historia da Galiza, unha historia agochada en boa medida, por exemplo, non hai maneira de acceder á Idade Media galega. Compártese moitas veces nas redes sociais que o Reino da Galiza foi o primeiro reino de Europa, mais non é doado acceder ás probas. É importante contar con este tipo de publicacións, cunha investigación seria e ben formada detrás. Penso que hai unha intención de agachar a nosa historia e con este libro imos tentar sacala á luz.

Comentarios