O Paseo de Cine de Lugo incorpora a placa da actriz María Vázquez
A Semana de Cine de Lugo homenaxeou a actriz María Vázquez e clausurou a 47 edición incorporando unha placa co seu nome ao Paseo de Cine.
A actriz María Vázquez descubriu a placa co seu nome no Paseo do Cine de Lugo, no parque de Frigsa, nun acto organizado pola Semana do Cine de Lugo que dedicou a súa 47 edición á actriz con raíces en Carballedo (comarca de Chantada).
Ademais da súa placa, descubriuse outra dedicada ao actor galego emigrado á Arxentina Enrique Muíño "O gaucho galego", protagonista da edición do festival de cine do ano 2010.
Ao acto que puxo o ramo a esta nova edición do festival cinematográfico acudiu, ademais da propia actriz, protagonista do afamado filme Matria de Álvaro Gago, a responsábel de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro.
A Semana de Cine de Lugo puxo así o ramo á 47 edición que, no seu día de inicio, o pasado 22 de setembro, incluíu a presentación do libro María Vázquez; de María a Matria, de Manuel Curiel. O público asistente recibiu cadanseu exemplar do libro. Esa mesma xornada tamén contou co director Marcos Varela, que presentou a súa obra prima, A sombra do castiñeiro, protagonizada pola propia María Vázquez.
Nado en Madrid en 2001 e graduado en Cinematografía e Artes Audiovisuais na Escola TAI de Madrid, Marcos Varela elixiu para o seu traballo de Fin de Grado afondar nas raíces do seu avó na Ulloa, que a Semana de Cine estreou dentro da homenaxe a María Vázquez.
Ademais, a Semana do Cine de Lugo contou na súa inauguración coa actuación da Banda Sons e Soños, Banda oficial da Semana, dirixida por Armando Morales. A formación interpretou temas de bandas sonoras de grandes películas.
Na presentación da Semana de Cine de Lugo interviu a regueifeira Lupe Blanco (Coristanco, 1980). Pandeireteira desde os sete anos, entrou no mundo da regueifa lembrando ao seu bisavó Blanco de Muiñoseco, considerado o "padriño" da 'regueifa' en Bergantiños. Colaboradora en prensa e divulgadora da regueifa, participa nos proxectos 'Regueifesta' e 'Enreguéifate' como formadora en talleres educativos e formou a primeira 'Escola de regueifa' no Concello de Carballo. En xaneiro conseguiu por terceiro ano consecutivo o primeiro dos “Premios Galegos da Regueifa".