'La Parra', de Alberto Gracia, gaña o gran premio da sección "máis arriscada" da Seminci, Alquimias

O filme galardoado espera confirmar axiña a data para a súa estrea na Galiza.
Alberto Gracia, co micrófono na man, na estrea de 'La parra' na Seminci de Valladolid. (Foto: Seminci)
Alberto Gracia, co micrófono na man, na estrea de 'La parra' na Seminci de Valladolid. (Foto: Seminci)

La parra é o traballo máis recente do director Alberto Gracia e tras a súa estrea no Festival de Cinema de Rotterdam, a comezos de ano, vén de exhibirse por primeira vez no estado español na 69 edición da Seminci, a Semana Internacional de Cine de Valladolid.

A película de Gracia conquistou o público e o gran premio que concede o festival no marco da sección Alquimias, "a máis arriscada" da competición, sinalan desde a organización, onde o director galego presentou a película acompañado dos actores Alfonso Míguez, Lorena Iglesias e Emilio Buale, xunto aos produtores da película, Beli Martínez de Galaika Films e Tasio.

O xurado, integrado polo cineasta brasileiro Gabe Klinger, o escritor, guionista e director Álex Mendíbil e a artista e cineasta alemá Helena Wittmann, escolleron La parra, de Alberto Gracia, "por guiarnos cega e libremente por lugares fechados e incómodos a través de dous personaxes que elixen non responder".

O filme premiado

La parra narra a historia dun home que tras a morte do seu pai debe volver a Ferrol, despois de vinte anos de ausencia. Entón, mentres se atopa aloxado na pensión La parra, a xente comeza a confundilo cun guía turístico desaparecido hai un tempo.

O director apuntou certa compoñente autobiográfica na película, que percorre parte da súa historia persoal e o seu regreso a Ferrol, desenvolvendo unha obra enigmática sobre o retrato do marxinal. A cidade aparece como unha illa metafórica no medio da nada, un lugar do que parece que non se pode escapar.

Neste sentido, Gracia destacou a súa idea de construír a película a través de desviacións e apuntamentos, non desde conceptos sólidos, tratando de xerar un tipo de relación especular entre os habitantes da cidade e a paisaxe. Unha forma de cuestionar a nosa relación coas imaxes e como nos vemos desde fóra, sinalou, nunha época na que predomina a total ausencia de referentes.

"Facer unha película sempre supón unha aventura, méteste niso e nunca sabes como nin cando vas saír", destacou Alberto Gracia ante o público da Seminci. Por iso, tamén, quixo agradecer profundamente o apoio e os coidados brindados polos seus amigos e colaboradores e, finalmente lanzar unha mensaxe de agarimo ao cinema dos anos 70, que lle serviu como refuxio en moitas ocasións e que actúa, do mesmo xeito que Ferrol en La Parra, como unha especie de oasis intermedio entre o cinema autoral dos anos 60 e a consolidación do cinema comercial en Estados Unidos nos 80.

Tras este recoñecemento na sección Alquimias, na Seminci, La Parra xa espera para a súa estrea na Galiza.

Máis palmarés

A película Misericordia, do cineasta francés Alan Guiraudie, alzouse coa Espiga de Ouro da 69 edición da Semana Internacional de Cinema de Valladolid, mentres que as longametraxes Stranger eyes, do singapuriense Yeo Siew Hua, e Po serán, de Carlos Marques-Marcet, gañaron a Espiga de Prata.

Comentarios