'Baldíos' endurece o seu son
Pantis, proxecto electrónico de Rubén Domínguez, presenta un anticipo do seu segundo disco
21 de outubro de 2019 (12:39 h.)
Rubén Domínguez é unha presenza ubicua na música independente galega. Antes integrante de bandas tan sólidas e intensas como Telephone Rouges ou Cudevaso e agora membro de Chicharrón, Pantis é o seu proxecto individual. Electrónica derivada de certas vías kraut, letras intimistas en galego, a súa última gravación amosa un particular endurecemento sonoro.
Baldíos foi gravado entre 2017 e 2019 en San Vicente do Grove, Compostela, Rabat (Marrocos), Helsinki (Finlandia), Madrid e San Sadurniño. Son sete cancións, dispoñíbeis no seu bandcamp, máis abrasivas que no seu disco debut, Pranto (2016), e coas que anticipa o seu novo dico aínda en preparación. Domínguez fala del como cun traballo “de fragmentos, ensaios e erros previos ao álbum do que foron arrincados, un prólogo necesario”.
O traballo incorpora novas influencias ao repertorio de Pantis, tamén xoga a fracturar as músicas, e cruza La Düsseldorf con James Ferraro. “Estes son os Baldíos, un disco de fragmentos e espazos íntimos, construídos en moitos lugares improbábeis”, di o propio Domínguez nas redes sociais do proxecto.