'A pandeireta galega' percorre a actualización do instrumento ancestral

A mostra 'A pandeireta galega', na Capela de Santa María, Lugo. (Foto: Nós Diario)
Co Arquivo Sonoro da Galiza como fonte dos documentos históricos, a Capela de Santa María de Lugo acolle a exposición 'A pandeireta galega', un proxecto de apreciación e homenaxe a este instrumento como alicerce da música tradicional galega a través da mostra da súa evolución. 

A Capela de Santa María de Lugo alberga a exposición 'A pandeireta galega'. A mostra naceu no contexto da homenaxe ás cantareiras e á poesía popular na que se baseou o Día das Letras Galegas deste 2025 que hoxe remata. A mostra foi proposta por un dos seus curadores, Luciano Pérez Díaz, na comisión técnica do Arquivo Sonoro da Galiza do Consello da Cultura Galega (CCG), do que fai parte. Pérez recoñece a Nós Diario que “ao ter tocado sempre a zanfona,  falo dela como instrumento ideal para o acompañamento da poesía de tradición oral”. Porén, debido ao decorrer de 2025, achegouse á pandeireta e decatouse de que “realmente proporciona unha maior liberdade na expresividade da persoa que interpreta, permítelle a liberdade de movemento”, polo que é moi axeitada para a interpretación de cantigas. É por isto que sinala que “a exposición, aínda que non xurdise no contexto de celebración da poesía de tradición oral e as cantareiras, tería moito sentido facela, pois nunca un instrumento tan sinxelo recibira tanta atención por parte de músicos e mestres artesáns”, e recoñece que non esperaba que “fose a dar tanto de si”.

A mostra 'A pandeireta galega' componse de dous elementos diferenciados. En primeiro lugar, unha xornada inaugural, que amosou a pandeireta desde diferentes ópticas. En segundo lugar, unha exposición visitábel en Lugo até o 7 de xaneiro. Ambos de carácter divulgativo, pensados para todo tipo de públicos “especialmente para o infantil, que son o futuro”, apunta Luciano Pérez Díaz.

A curadoría corre a cargo, xunto con Pérez Díaz, que, ademais, é o coordinador, do músico, mestre e investigador Suso Vaamonde Manteiga. A xornada inicial contou coa participación de Mercedes Autrán, mestra de música e profesora na Banda-Escola Municipal de Lugo; o curador Suso Vaamonde Manteiga e do construtor de instrumentos de percusión con pel Xosé Maceda. Este último xogou un papel principal na elaboración e montaxe na propia exposición, que é o segundo piar do proxecto. Realizou unha achega de corte técnico, aportando o material, obxecto principal da mesma, e axudando na ficha técnica de cada unha das pandeiretas expostas.
 

Proxecto transmedia

O punto principal da exposición é claro: amosar, explica Suso Vaamonde a este xornal, “como foi a evolución da pandeireta nos últimos setenta anos”. Para isto, válense da mostra física de máis de vinte modelos de distintas épocas, e un contido audiovisual complementario, no que se reflicten as mudanzas tamén, de xeito acústico, na web do CCG. Esta páxina, á que se accede mediante o escaneo de códigos na propia exposición, amosa os toques de diferentes estilos en cada unha das pandeiretas, xunto con gráficas de factores como os decibelios, “para termos dun xeito obxectivo unha información sobre as cualidades acústicas do instrumento”. Esta información complementaria manterase na páxina para poder ser vista por calquera usuario e usuaria, mesmo se non acode á mostra.
 

A mudanza das pandeiretas

Nas pandeiretas mudou todo tipo de material “coa irrupción das novas tecnoloxías”, explica Vaamonde. Desde os parches, coa irrupción de parches sintéticos até os marcos, nos que mudan as madeiras mellorando a estética e a calidade, de piñeiro a cerdeira ou nogueira, mais incorporando as impresións en 3D, para xogar co peso do instrumento, dependendo da densidade do material. Tamén se produciron avances nas ferreñas, que se fabrican con máis variación en tamaño, formas e materiais, como resinas ou plásticos ou mesmo madeiras, que permiten unha variación de son; así como nos sistemas de tensado con parafusos inseridos na pandeireta -para conservar mellor a pel natural-. Parte destas innovacións son imprescindíbeis para “podermos tocar o instrumento de forma óptima en calquera circunstancia, e non ter que depender da climatoloxía”, e “estabelecer un abano moito máis grande de variacións do instrumento, podéndoos personalizar en canto ao gusto de peso, materiais e sonoridade”.

Xosé Maceda relaciona as mudanzas co factor social, e explica como a pandeireta “cambia radicalmente, especialmente neste século e a finais do século XX, porque a demanda de pandeiretas cada vez está menos cinxida ao contexto da tradición, ao eido rural, e máis ao contexto folclórico e urbano. Nese sentido cada vez tócase menos a pandeireta en bailes, seráns ou ruadas no rural, e cada vez máis na contorna asociativa, en grupos nos que se vai máis a aprender a tocar dun xeito lúdico ou en representación escénica”, en consecuencia “muda o espazo e a demanda desde un punto de vista estético e sonoro, entendendo a pandeireta cada vez máis como un obxecto simbólico e estético que funcional”, é por isto que deixa de ser “un instrumento construído por peneireiros que está feito para ser asequíbel e útil, principalmente” para perfeccionarse a nível visual e sonoro.
 

Un percorrido histórico con Autrán, Maceda e Vaamonde

A xornada inaugural contou con tres conferencias que completaron a información da exposición e, por tanto, estarán, no posíbel, nas vindeiras inauguracións da mostra ao longo de todo o país, nomeadamente nas localidades de Ferrol, Ourense e Pontevedra, a partir do 9 de xaneiro, cando rematará a súa estadía en Lugo, sinalan desde a organización. Na palestra 'O instrumento de hoxe', o músico e curador Suso Vaamonde Manteiga explicou unha nova técnica para tocar a pandeireta. Esta técnica vai encadrada no seu novo manual, no que se recollen “novos recursos para aproveitar máis ferramentas técnicas para poder acompañar outros insturmentos ou facelo de xeitos novidosos”.

A profesora Mercedes Autrán tratou na súa palestra a historia das Pandeireteiras de Rois, grupo de mulleres que, desde o rural, coordinaron un grupo que facía actuacións ao longo do país. Reconstruíu este relato a través de arquivo sonoro adquirido da época.

Na última charla, a cargo do construtor de instrumentos Xosé Maseda, explicouse, de forma minuciosa, a evolución da forma, construción e artesanía da mesma, nunha palestra. Esta evolución abordouse desde dúas liñas: a demanda das intérpretes, e a evolución técnica da súa construción.