Un país en festa: tradicións que resisten

Romaría de Nosa Señora da Lanzada, no Grove (O Salnés). (Foto: Rafael Quintía)

Galiza posúe un amplísimo abano de festas populares e tradicionais que combina música, baile, ritos e mesmo gastronomía para reforzar a comunidade e as diferentes xeracións que crean e unen a mesma. Da man de Rafael Quintía, Manuel Gago e Beatriz Busto encamiñamos unha análise destas celebracións, de como evolucionan, se adaptan e resisten aos posíbeis retos da sociedade galega actual. 

O Entroido, as foliadas, as festas da túa parroquia, as do lado... Galiza, desde tempo ben antigo mantén un calendario de celebracións, festas populares e tradicionais que marcan a vida das comunidades que as acollen. Así, cada colectivo organiza os seus propios eventos co resultado da fusión de música, baile, comida e rituais cunha función primeira claramente delimitada: reunir a comunidade e reforzar a identidade desta.

Ante o interese de estudo que supoñen estes acontecementos, Sermos Galiza dialoga con Rafael Quintía, Manuel Gago e Beatriz Busto, tres nomes expertos nas festas patronais da Galiza que veñen de colaborar nos faladoiros organizados polo Concello de Redondela e a Asociación Alén Nós baixo o título de "Un país en festa": faladoiros e foros de debate sobre as celebracións das festas patronais na Galiza. 

Segundo o antropólogo, profesor e escritor Rafael Quintía (Salcedo, 1971), as festas patronais son espazos colectivos nos que a comunidade se celebra a si mesma. Entendendo que desde épocas ben antigas —xa hai epígrafes galaico-romanos nos que se relata isto— cada comunidade ten un patrón que se identifica como santo protector da mesma, organízanse actividades que combinan o relixioso e o profano e que serven, en máxima instancia, para socializar, crear memoria común e fortalecer os lazos interxeracionais. Así, alén do motivo de celebración do santo patrón, participar na festa implica integrarse na vida da comunidade e na historia da mesma, pois ademais de ser ritos colectivos e participativos tamén son ámbitos de socialización e de transmisión da cultura.

[Poderás ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario deste sábado, 22 de novembro. Resérvao no teu quiosque ou subscríbete ao xornal!]