Padrón acolle a I Mostra do Cinema Galego Foco

Presentación da Mostra do Cinema Galego Foco, onte en Padrón. (Foto: Concello de Padrón)
Desenvolverase entre o 17 e o 19 de outubro en diferentes espazos da vila

O Concello de Padrón presentou esta segunda feira a primeira edición da Mostra de Cinema Galego Foco, que se desenvolverá do 17 até o 19 de outubro en diferentes espazos da vila. Esta iniciativa nace co obxectivo de crear un lugar estábel de encontro arredor do cinema galego. Así, o programa combina proxeccións con actividades de carácter divulgativo, propostas musicais e dinámicas dirixidas á participación da veciñanza de todas as idades.

Esta primeira edición inclúe tamén un recoñecemento especial á actriz Mabel Rivera, gañadora do Premio Goya á mellor interpretación feminina de reparto pola película Mar adentro en 2004, que recibirá o I Foco de Honra a toda unha traxectoria dedicada ao audiovisual galego.

O programa principia esta sexta feira coa proxección do filme Antes de Nós, dirixido por Ángeles Huerta que aborda a figura de Castelao e a súa relación con Virxinia Pereira en dous momentos cruciais das súas vidas. A proxección irá acompañada dun coloquio co guionista Pepe Coira, un dos referentes da ficción galega contemporánea.

O sábado a mostra estenderase á rúa Real, que acollerá a actividade infantil A Caixiña de Mistos. Pola tarde, no Auditorio da Casa Rosalía, a veciñanza de Padrón poderá visualizar o documental A poeta analfabeta, sobre a poeta Luz Fandiño. A xornada rematará co concerto a cargo de O'Leo de Matamá.

O papel protagonista o domingo será para a loita contra a celulosa de Altri, coa proxección do documental A loita final, dirixido por Enrique Banet e producido por Mabel Rivera, que analiza as consecuencias sociais e ambientais da pasteira.

O alcalde de Padrón, Anxo Arca, destacou a importancia dos diferentes escenarios da mostra, afirmando que "eramos conscientes de que en Padrón existían espazos que podían conferir dignidade á iniciativa".

 

Un comercio de cine

A programación de Foco compleméntase coa iniciativa 'Un comercio de cine', unha proposta que achega unha exposición sobre os diferentes programas das antigas salas de cine de Santiago aos escaparates dos estabelecementos da vila para pór en valor o comercio local e ofrecer á veciñanza unha viaxe pola memoria cinematográfica da contorna.