Paco del Riego, Galaxia e o PSG: Das “misas dos ateos” en Bonaval a partillar militancia

Francisco del Riego con Xosé Manuel Beiras no castelo de Baiona en 1966 (Imaxe: Arquivo Antón Mascato)
Modestamente republicano, nacionalista e socialista. Así é como define Xosé Manuel Beiras Torrado a Francisco del Riego. Un home de inconfundíbeis trazos que delataban o seu “irredutíbel optimismo da vontade”. O autor trata neste artigo os primeiros encontros entre ambos nas misas dedicadas a Rosalía en San Domingos de Bonaval, mais tamén o papel de Del Riego na fundación de Galaxia e na constitución do PSG. “A osmose entre a Galaxia de Paco e o PSG de Paco tamén é plena e constante”, resume.

Por moi lonxe que me remontase cara atrás na miña máis remota memoria infantil, coido que non daría co momento primeiro no que os meus ollos retrataron no meu caletre a inconfundíbel imaxe de Paco del Riego: as súas inconfundíbeis grandes lentes, o seu inconfundíbel cabelo ondulado cuase crecho, os seus inconfundíbeis grosos beizos, as súas inconfundíbeis dondas fazulas, a súa inconfundíbel voz de bardo pondalián -e o cuase permanente cintileo sorridente dos seus pícaros ollos, delator do seu innato e irredutíbel optimismo da vontade-.

Mais seguramente cadraría en Bonaval, un 25 de xullo de haberá tres cuartos de século, ao pé da porta do actual Museo do Pobo Galego, onde eramos retratados os asistentes á daquela ironicamente alcumada como 'misa dos ateos', a misa que se celebraba cada ano o Día da Patria en memoria de Rosalía a carón do seu sartego no Panteón de San Domingos, á que os nosos pais nos levaban dende moi cativiños des que se reanudou a súa celebración nos anos corenta. 

Alí se xuntaban os supervivintes de Nós e do Partido Galeguista, crentes ou non, os membros do recén criado Padroado de Rosalía Castro, mais tamén xentes republicanas do común, traballadores compostelanos do mundo dos oficios e o comercio, viciños da cidade e dos arrabaldos -ou mesmo da súa contorna rural, que viñan á feira do gando en Santa Susana cando Compostela era 'a aldea máis grande de Galicia', en certeira imaxe do señor de Trasalba-.

Fora nesas xuntanzas onde eu comezara a coñecer os máis significados deles, cos que meu pai conversaba nas demoradas despedidas: don Ramón, o Xocas, Cuevillas, Gómez Román, don Xesús Carro, Pura Lorenzana, Xosé Mosquera, os Ferro Couselo, Penzol, Valentín, Carvalho Calero, os Illa Couto, os Álvarez Blázquez, Viñas Cortegoso, Xohán Ledo, os Saco e Piñeiro des que saíran da cadea... E Paco del Riego, claro -presenza infalíbel, madia leva-.

Como é natural, non sabía eu daquela que Paco del Riego andaba a desenvolver unha actividade relevante na reorganización clandestina do Partido Galeguista durante a Guerra Mundial, nomeadamente após a derrota nazi en Stalingrado. Ben anos despois, no período da nosa máis fraternal relación e cotiá convivencia, falaríame con humildade dese período e contaríame algúns episodios e sucedidos que evidenciaban ese seu irredutíbel optimismo ao que xa aludín.

[Este é un extracto do texto que se publicará no SERMOS GALIZA ESPECIAL FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO o 13 de maio. Para ler o artigo íntegro, compra Nós Diario nos puntos habituais de venda este sábado]