O Outono Codáx pon o foco na música galega e nos ritmos afroamericanos

O músico e ilustrador tudense Víctor Coyote actuará o 12 de novembro na sala Riquela de Compostela, no marco deste ciclo. (Foto: Raíña Productions)
A Sala Capitol e o Riquela Club acollerán os sete concertos desta 15ª edición do festival 

O Outono Códax amplía horizontes na súa 15ª edición, na que acollerá unha programación plural e vibrante na que terán especial protagonismo artistas referentes da Galiza e a música de raíz afroamericana. Doce grupos participarán nos sete concertos que se realizarán na Sala Capitol e no Riquela Club, en Compostela, creando espazos de encontro entre tradicións, xeracións e estilos.

O Outono Códax, o festival impulsado por Raíña Productions e A Reixa, que conta un ano máis coa colaboración e o apoio das Bodegas Martín Códax, achegará á Galiza nove citas que conforman unha exquisita programación na que, fiel a súa filosofía, priorízase a calidade e a variedade de estilos musicais. No festival estará moi presente a diversidade musical, a través do soul contemporáneo, o folk, o blues, o jazz punk, o rock progresivo e a psicodelia. Esta 15ª edición caracterízase por contar con grupos e artistas con gran relevancia actualmente dentro dos seus estilos, algúns deles repetindo dentro do certame como o norteamericano Lee Greene, os franceses Komodrag and the Mounodor, os barceloneses Los Sirex ou o tudense Víctor Coyote.

A maiores da programación musical, o Outono Códax 2025 compleméntase coa presentación do libro  Eu quería ser, de Miqui Puig, no que o autor aborda as súas relacións coa música e os concertos. Aliás, o festival contará cunha exposición de ilustracións de Víctor Coyote, así como, con catas  de viño con maridaxe nas que se mesturarán a música e a gastronomía, co obxectivo de que as persoas asistentes poidan desfrutar dunha experiencia "sensorial e auditiva". Os concertos fecharán con xornadas de DJs nas que os vinilos terán un papel fundamental.

A estas actividades sumaráselles unha nova edición do ciclo de proxeccións 'Blow Up... A Música no Cinema', no que se presentará a curtametraxe Clan Carvy, na que se mostra a figura do xastre Francisco García e a súa relación co estilo ye-yé dos anos 60. Nesta liña, Numax, en Compostela, acollerá a proxección do documental O son mosca, que explica a historia da compañía Sinmarc.

 

Os concertos de Códax

A programación musical do Outono Códax principiará esta quinta feira no Riquela Club da capital galega co concerto do trío madrileño Gilipojazz, que se desmarca totalmente da escena musical co seu estilo frenético no que mesturan jazz, rock, funk, groove, metal e tamén humor.

Na xornada do domingo, na Sala Capitol, serán os concertos da banda francesa Pincipiples of Joy e os cataláns Los Sirex. O grupo francés liderado por Rachel Yarabou e Ludo Bors é considerado actualmente a formación de soul contemporáneo máis popular de toda Europa. Pola súa parte, Los Sirex son unha lenda vida do rock estatal, cun legado musical que se remonta a máis de 60 anos de traxectoria nos que chegaron telonear The Beatles en Barcelona en 1965.

Víctor Coyote presentarase por primeira vez en formato trío –con Gustavo Villamor e Ricardo Moreno– no Outono Códax, revivindo a música que representou a súa carreira musical cunha grande presenza dos ritmos galegos. Nesta ocasión contará con Javi Álvarez como invitado.

O 13 de novembro será a quenda do estadounidense Son Little, que combinará o soul clásico coa sensibilidade indie aventureira nun remuíño atemporal impulsado pola súa propia voz. E Valeira June será a encargada de abrir a xornada do día 20. A cantante conta cunha ampla traxectoria musical, chagando a actuar xunto cos Rolling Stones en Londres. Após o seu concerto, o ferrolán Pablo Leira presentará o seu novo traballo discográfico, 207, no que explora os estilos americanos con aire country e intimistas, nos que o folk e a tradición están moi presentes.

Ao día seguinte o inglés soarán con moita forza na Capitol as actuacións de Les Greene e The Godfathers, que aterra na capital galega para celebrar o seu 40º aniversario. E Komadrag & The MounodorQuinn DeVeaux & Mandota serán os encargados de fechar esta edición do Outono Codáx, enchendo a cidade de rock progresivo, soul e gospel.

As entradas e abonos para os concertos están xa á venda na tenda A Reixa-Matrioska de Compostela e na web da Sala Capitol, así como nas billeteiras de ambas as salas.