Outeiro de Rei acolle este sábado o VII Convivio da Cultura Galega

A actividade, que está organizada pola Federación Galiza Cultura e a Casa-Museo Manuel María, xa fora adiada e estará adaptada á actual situación sanitaria. Os actos comezarán cunha ofrenda floral a Manuel María.
A Casa-Museo Manuel María (Foto: Nós Diario).
photo_camera Imaxe da Casa-Museo Manuel María. (Foto: CM Manuel María)

A Federación Galiza Cultura e a Casa-Museo Manuel María organizan para este sábado, 26 de setembro, unha nova edición, a sétima, do Convivio da Cultura Galega.

Actividade posposta para esta nova data, após o adiamento do pasado mes de xullo, e acomodada á situación sanitaria actual, que se centrará na análise que levarán a cabo distintas entidades do país sobre o estado da cultura nacional e o papel do asociacionismo de base no actual contexto.

O Convivio dará comezo ás 11.30 horas, cunha ofrenda floral a Manuel María no cemiterio de Outeiro de Rei, trasladándose posteriormente ao auditorio da Casa-Museo, onde ás 12, representantes das entidades culturais que conforman Galiza Cultura manterán un encontro sobre o estado da cultura nacional e o papel do asociacionismo de base no actual contexto e deseñarán iniciativas conxuntas a desenvolver durante o ano 2021.

Ás 16 horas, na horta da Casa-Museo, Quico Cadaval levará a cabo a narración oral “O complexo de Edipo”.

Un espectáculo que comezou como un comentario de texto escolar para acabar convertido nun diálogo imaxinario do narrador coa sua nai sobre o mito de Edipo e o triste destino da familia real de Tebas (Grecia).

"Gastronomía! Épica! Alta Cultura! Mexericos! Psicanálise! Noticias sorprendentes sobre a monarquía española! Todo en 71 trepidantes minutos, nun monólogo traxi-ridículo", informa a organización.

Esta última actividade é de entrada libre mais con reserva previa, que haberá que formalizar a través do correo [email protected] ou no teléfono 698177621, xa que para manter as medidas sanitarias, o número de prazas para presenciar o espectáculo é limitado.

Comentarios