Ostermeier, Pommerat e Emma Dante volven ao Festival de Almada na súa 42ª edición
Do 4 ao 18 de xullo, o Festival de Almada celebra a súa 42ª edición, levando á cidade e a Lisboa máis de 50 actividades culturais que celebran a creación artística contemporánea. En total, mostraranse 20 espectáculos de teatro, danza, novo circo, monicreques e teatro de obxectos, en nove escenarios diferentes, con momentos destacados para nomes e compañías que conquistaron o público en edicións anteriores. Son moitos os regresos deste ano: volven Baro d’Evel, Ostermeier, Emma Dante, Familie Flöz...
Rodrigo Francisco, director do festival e da Companhia de Teatro de Almada, escribe no texto de presentación do programa que os espectadores “estiveron no centro”, que foi un proceso de escoita o que levou a facer determinadas escollas. “Também a democracia sairia reforçada, se os nossos democratas se dedicassem a escutar atentamente os cidadãos”, engade Francisco.
Este ano, a Companhia de Teatro de Almada estrea unha versión teatral, dirixida por Teresa Gafeira, dun texto do gañador do Premio Nobel de Literatura 2019, Peter Handke: Um adeus mais-que perfeito. A obra conta a “espiral de dor que arrastrou á nai do escritor ao sufrimento, levándoa a acabar coa súa vida aos 51 anos, en 1971, un ano antes de que se escribise o texto”. Segundo declarou Gafeira, na presentación, trátase de unha “escrita nada confesional que acaba por transformarse en universal”. Estará do 5 ao 17, na sala experimental do Teatro Joaquim Benite.
Mais será Qui som?, da compañía franco-catalá Baro d’Evel, dirixida por Camille Decourtye e Blaï Mateu Trias, o espectáculo que abra o festival, os días 4 e 5 no Centro Cultural de Belém (CCB), en Lisboa, formulando cuestións sobre a identidade.
Friends of Forsythe, comisariado por William Forsythe -unha das grandes referencias da danza contemporánea- e Rauf “Rubberlegz” Yasit, é o primeiro espectáculo de danza, chegado de Alemaña, que se presenta os días 5 e 6 na sala principal do Teatro Municipal Joaquim Benite.
A compañía de monicreques Carlo Colla & Figli regresa ao Fórum Municipal Romeu Correia con La tempesta os días 6 e 7, despois de ser escollido polo público de Almada como Espectáculo de Honra de 2024. Trátase do texto de Shakespeare nunha versión traducida por Eduardo de Filippo e con posta en escena de Eugenio Monti Colla, que coloca máis de 150 monicreques en escena.
Telhados de vidro, do Teatro da Trindade; A casa morreu - Diario dunha República III, de Amarelo Silvestre, baseada en fotografías de Augusto Brázio e Nelson D´Aires, con dirección artística de Fernando Giestas; Há qualquer coisa prestes a acontecer, creada para conmemorar o 50º aniversario do 25 de abril con dirección artística de Victor Hugo Pontes; e As aves de Aristófanes en versión da Mala Voadora e Comédias do Minho, son as producións portuguesas que se poderán ver en Almada. Ademais, entre o 10 e o 14 de xullo, en Lisboa, Culturgest acollerá de novo A colónia, de Marco Martins.
Unha das grandes estrelas do festival, Thomas Ostermeier trae, coa que a histórica Schaubühne Berlin, History of Violence, un texto de Édouard Louis en versión de Florian Borchmeyer, Ostermeier e do propio autor do texto. Será na Sala Principal do Teatro Municipal Joaquim Benite.
Desde Francia chega o colectivo Petit Travers, que presentará S’assurer de ses propres murmures, un espectáculo de Julien Clément e Pierre Pollet onde un malabarista e un tamborileiro crean unha peza baseada na primeira estrofa dun poema de René Char (1907-1988).
No Forum Romeu Correia de Almada, Cristóvão Capos volve protagonizar Monóculo, Retrato de s. Von Harden, un texto de Stéphane Ghislain Roussel, dirixido por Rui Neto, nunha produción de Lobo Mau.
El Rey que fue é a primeira obra que o grupo catalán Els Joglars trae ao Palco Grande, no Colexio D. António da Costa, nun espectáculo con dirección artística de Albert Boadella, responsábel da dramaturxia con Ramón Fontserè. E o tamén catalán Xavier Bobés visitrá o Cineteatro da Academia Almadense, con El mar. Visión de unos niños que no lo han visto nunca.
Marius é o espectáculo que a recoñecida compañía Louis Brouillard trae desde Francia, unha creación de Joël Pommerat “vagamente inspirada” na obra de Marcel Pagnol, en colaboración con Caroline Guiela Nguyen e Jean Ruimi, que se presentará no Salón Principal do Teatro Municipal Joaquim Benite.
E Familie Flöz, a compañía alemá un de cuxos fundadores foi o galego Paco González, tamén regresa a Almada desde Alemaña, esta vez coa obra Teatro Delusio, dirixida por Michael Vogel. Na peza, a compañía emprega a linguaxe de teatro de máscaras sen palabras que a converteu nun referente internacional.
Zugzwang é a actuación do conxunto francés Galactik Ensemble, unha creación colectiva do grupo composto por cinco artistas formados na École Nationale des Arts du Cirque de Rosny-sous-Bois, nun espectáculo que se representará no Palco Grande da Escola D. António da Costa
Na véspera e no último día do festival, a Companhia Nacional de Bailado presenta Quatro Cantos num Soneto & The Look. Fechando a 42ªedición do festival estará outro dos pesos pesados deste ano: Emma Dante dirixindo o colectivo Teatro Biondo Palermo, representará no Palco Grande da Escola D. António da Costa Extra Moenia.
O amplo programa do Festival de Almada inclúe tamén o curso de formación O sentido dos mestres, este ano dirixido polo dramaturgo, director e poeta español Alberto Conejero, ademais dos xa tradicionais Concertos na Esplanada, que decorren cada noite antes das funcións vespertinas.