Os títeres ocupan rúas e prazas de Redondela

A vila dos viaductos vive días de entusiasmo e alegría teatreira. Rúas, prazas e espazos públicos énchense de teatro neste Festival Internacional de Títeres que remata o día 19. A vila enteira convértse en festival. 

Compañía "El Espejo Negro"
photo_camera Compañía El Espejo Negro.

A camiño entre un autobús, un aeroplano ou un submarino é o artefacto que se recolle no cartaz do XIV Festival Internacional de Títeres de Redondela. O xenial Pastor, autor cada ano da imaxe desta festa, crea noutra edición máis o cartaz e a camiseta que están en Redondela por toda parte. 

As rúas aláganse en especial de xente miúda, e as prazas, encrucilladas, soportais e espazos públicos ofrecen programación continuada, para non parar de se achegar ás mil historias que o teatro ofrece. Redondela achégase á imaxe de cidade-festival, na que o escenario non ten fin e o espectáculo pode xurdir onde quixer. As inclemencias do tempo, a chuvia e o frío impropios de maio, obrigaron a instalar carpas mais non amainaron o entusiasmo do público por asistir ás múltiples representacións. 

Unha das sorpresas, a implicación de toda a vila na organización. Como se consegue? “Falando coa xente. Desde xaneiro imos casa por casa e créase un grande afecto. Máis de cen locais colaboran connosco, e iso, simbolicamente, é moi importante”, di Luís Crespo, responsábel do Festival organizado pola Asociación Xente Titiriteira, coa axuda do Concello, que conta cun orzamento só local.

Setenta representacións

Nesta edición, o Festival non só non se recortou, como acontece adoito nestes tempos, senón que engadiu tres espazos convertidos en escenarios: o Museo Merande, o Salgueirón e o Campo da Petanca. Arredor de 70 representacións, entre espazos cubertos e ao ar libre -baixo carpa pola chuva- completan o programa dun festival que é xa referencia no xénero. 

 “Colle o nome dun home que pensou que en Redondela podería darse unha iniciativa deste tipo e quería vela realizada. Un accidente rematou coa súa vida e, pouco despois, no ano 2000 comezou a andaina deste proxecto, que quere ser tamén unha homenaxe a Juanjo, activista no movemento asociativo de Redondela”, conta o responsábel do Festival arredor do nome que está en todos os carteis, “Memorial Juanjo Amoedo”. 

O programa completo pódese atopar no blog www.blogoteca.com/xentetitiriteira/  ou no web http://www.festivaltiteresredondela.com. A clausura correrá a cargo da compañía andaluza “El espejo negro” cunha proposta de teatro de actores e monicreques de mesa con música ae humor para despedir unha nova edición do festival que torna a vila dos viaductos na boca da ría de Vigo toda ella en escenario de festival. 

Comentarios