Os da Ría presentan o Disco Díscolo coa música liviá 'galegueira'

Os da Ría

O grupo Os da Ría vén de lanzar o seu Disco Díscolo, un álbum en que recollen os grandes temas desta aposta escénica a medio camiño entre a banda musical e o espectáculo de varietés. Hoxe, no Auditorio da Ramallosa (Teo) presentarán o disco nun concerto cheo de sorpresas

 

O Disco Díscolo é unha realidade -que se deu xa a coñecer no Culturgal- grazas a unha campaña de crowdfunding a través da páxina de Verkami, en que Meixide e Lijo -ou Arturito e Fabián, segundo se mire- conseguiron o apoio de máis de cen produtor@s que compraron diversos packs, en que se incluían, ademais do disco, botellas dunha edición especial de viño da adega María do Pilar e entradas para o concerto de hoxe na Ramallosa. “Un concértolo que será ben senlleiro e en que se encadearan as nosas cantarelas, os noso grandes xites que tiveron un gran suceso. E haberá sorprésolas ben trangalleiras”, explica en galegueiro Meixide, xa reconvertido en Arturito Puy. “Algunhas sorpresas xa as podemos adiantar, como que estará presente Xose, un ex compoñente da banda que é César Goldi e Vilabliño, que xa está mellor do problema aquel. E tamén a participación do Coro da Rá e Os Homes sen Medo. Ao escenario subirán máis de cincuenta persoas”, explica Tomás Lijó, quen tamén deixa á porta aberta para sorpresas de maior tamaño. “Estará Fernando Ónega? Estará a Infanta Elena? Están convidados. Deixémolo aí”, remata un enigmático Lijó. Para coñecer as sorpresas, só hai unha maneira: asistir o concerto de hoxe, cuxas entradas se poden comprar en redenasa.tv ou en locais composteláns como A Reixa, A Bodeguilla ou o Bar o Trece. Tamén en bares de Teo como a Santa Sede, A Capilla, A Senra ou tamén no propio auditorio. Asistindo poderase coñecer as sorpresas e tamén o repertorio deste grupo que, sobre todo, traballan as letras. “Os da Ría é un grupo de rima fácil? Non, para nada. Somos de rima acaída. Poñemos as rimas que teñen que ser”, ironiza Carlos Meixide.

 

(Máis información no nª 28 do semanario Sermos Galiza)