Solicitan unha mesa de diálogo

A oposición esixe á Xunta solucionar os problemas do Centro Dramático Galego “que o PP creou”

Última produción do CDG “Neorretranca e posmorriña”, de Esther F. Carrodeguas e Roi Vidal Ponte [Imaxe: ourense.gal]

Os grupos da oposición no Parlamento Galego urxiron á Xunta de Galiza a crear unha mesa de diálogo coa participación das e dos representantes do sector das artes escénicas para solucionar os problemas do Centro Dramático Galego (CDG) “creados polas propias políticas do Partido Popular".

Os catro grupos da oposición no Parlamento Galego esixiron á Xunta de Galiza a creación dunha mesa de diálogo que conte coa participación das e dos representantes do sector das artes escénicas co obxectivo de solucionar os problemas do Centro Dramático Galego (CDG) “creados polas propias políticas do Partido Popular", tal e como denunciaron desde PSdeG, En Marea, BNG e o Grupo Mixto.

Houbo tamén coincidencia en criticar a Estratexia da Cultura Galega 2021 apresentada pola Xunta, na que nin sequera se cita ao Centro Dramático Galego, como sinalou a deputada María da Concepción Burgo do PSdeG.

Como reivindicacións solicitouse a posibilidade de dotar o centro dramático dunha nova estrutura xurídica, "xa que a propia lei abre a posibilidade de crear un ente específico", en lugar de como acontece na actualidade, que figura enmarcado na Axencia Galega das Industrias Culturais.

Para a deputada Ángeles Cuña do grupo parlamentario de En Marea (formado por Anova-Podemos-EU) é lamentábel que o concelleiro de Cultura, Román Rodríguez, “insultase a oposición dicindo que "teñen tendencia inquisicional".

O Bloque Nacionalista Galego denunciou a actitude do goberno galego por incumprimento reiterado desde 2008 do Plan Estratéxico das Artes Escénicas por "puro sectarismo político", denunciou a parlamentaria nacionalista Olalla Rodil. Así mesmo, avogaron desde o Bloque pola apertura dun proceso de reflexión que o sector das artes escénicas vén reclamando á Xunta.

Desde o Grupo Mixto liderado polo portavoz da organización política En Marea, Luís Villares, interveu a deputada Paula Vázquez Verao, para quen o CDG "foi maltratado desde o 2009 pola Xunta con “continuos recortes de orzamento que reduciron a súa capacidade de traballo".

A deputada do PP Isabel Novo defendeu a acción da Xunta aludindo a “necesidade” do CDG de “adaptarse aos novos retos e cambios sociais”, e negou as críticas da oposición sinalando que o CDG aumentou o seu orzamento nos últimos anos até acadar “un investimento superior aos anos anteriores á crise”.

Novo quixo emendar a esixencia da oposición, pedindo que en lugar de crear unha mesa de diálogo se reiniciase a xa creada en 2017. Dita emenda foi rexeitada polo PSdeG, xa que esa mesa "non ten nada que ver co que se pide" porque era para "falar sobre os elencos".

A moción apoiada pola oposición non saíu adiante debido á maioría de votos negativos da bancada popular.

 

Precisamente a Asociación de Actores e Actrices de Galiza solicitou o pasado 3 de abril unha mesa sectorial coa administración e as asociacións profesionais para tratar “a refundación da institución pública de teatro” para convertela en entidade xurídica propia con orzamentos de seu e independencia.

Ademais trasladou aos partidos todas estas eivasque foron denunciando desde que Agadic estabeleceu 2016 un sistema de elección de elencos baseados na libre coconcorrencia e nas leis que rexen a función pública, un marco que desde a asociación aseguran que “non se axusta á realidade laboral do sector escénico”.

Outras problemáticas que desde a asociación veñen denunciado teñen a ver coa baixa contratación de intérpretes, a escasa produción, polémicas arredor dos procesos de selección de elenco, deriva administrativa, a burocratización e redución das xiras de distribución.