Oliver Laxe xa é fillo adoptivo de Navia de Suarna

Oliver Laxe [Foto: Irene Pin]
O director de cinema Oliver Laxe vén de se converter no "mellor embaixador" polo mundo de Navia de Suarna, segundo presumía onte o alcalde deste concello, José Fernández. E é que esta semana o pleno municipal acordaba por unanimidade outorgar o título de "fillo adoptivo" do Concello, tendo en consideración as orixes maternas do cineasta na parroquia de Son, no lugar de Vilela.

"É unha persoa que ten un grande apego ao noso concello. Retornou e volveu vivir aquí de onde eran as súas raíces", lembrou de Laxe, que naceu con todo ben lonxe, en París en 1982, mais voltaba á Galiza aos seus anos para emprender logo a marcha a Barcelona.

Fernández puntualizou que o director da galardoada e celebrada O que arde que "desde a parte pública e política", entendían "que o mellor era nomealo fillo adoptivo". "Xa antes deste nomeamento é o mellor embaixador que temos por todo o mundo", proclamou Fernández.

Ademais, destacou que "é un emprendedor, á parte dun grande director de cinema está "arranxando a vivenda de onde eran os seus sus avós e a súa nai e vai montar unha actividade para dar a coñecer a nosa zona".

A pegada de O que arde

O alcalde de Navia insistiu na importancia do propio filme, o último na lista do director, O que arde, xa convertido no que máis público conseguiu reunir na historia do noso cinema, mesmo malia o impacto da pandemia. "Veuno rodar aquí e saíu moi ben, gañou dous premios e desde o 29 de setembro do ano pasado deixou un impacto no noso concello e en toda a Galiza moi importante", valorou. "Destacou moito o que é Navia de Suarna", concluíu o socialista.